Valentín González Formoso e Evencio Ferrero asinan o protocolo polo que a Deputación investirá 1,7 millóns na última fase das obras da travesía de Sísamo
Representantes da veciñanza da parroquia asistiron ao acto, que tivo lugar na sede da institución provincial
Venres 5 de novembro do 2021 Carballo ao día
![Veciñanza de Sísamo, alcalde, concelleiro de Obras e presidente da Deputación, tras a sinatura do protocolo Veciñanza de Sísamo, alcalde, concelleiro de Obras e presidente da Deputación, tras a sinatura do protocolo](media/../media/img/WhatsApp_Image_2021-11-05_at_14.19.33.jpeg)
Veciñanza de Sísamo, alcalde, concelleiro de Obras e presidente da Deputación, tras a sinatura do protocolo
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o protocolo polo cal a institución provincial asumirá os 1,7 millóns de euros de investimento para acometer a terceira e última fase do proxecto de mellora da travesía de Sísamo, en Carballo.
O acto oficializa o compromiso adquirido onte durante visita do presidente á zona para supervisar xunto ao alcalde e a veciñanza o resultado das obras xa realizadas e o último tramo que será obxecto desta importante actuación.
Na sinatura do acordo estiveron representantes da Asociación de Veciños de Sísamo, que expresaron a súa satisfacción por un “acordo histórico”, tras moitos anos reivindicando esta necesaria mellora.
González Formoso destacou que o investimento total das tres fases (preto de 2,7 millóns de euros) farán desta obra un dos investimentos máis importantes acometidos pola Deputación na rede provincial de estradas nos últimos anos.
![José Manuel Pequeño, Valentín González e Evencio Ferrero, no acto de hoxe José Manuel Pequeño, Valentín González e Evencio Ferrero, no acto de hoxe](media/../media/img/FIRMA_CARBALLO_SISAMO_2.jpg)
José Manuel Pequeño, Valentín González e Evencio Ferrero, no acto de hoxe
No acordo asinado hoxe, a Deputación comprométese a completar a última fase das obras de mellora da estrada DP-1901 desde o PK 0+810 ata o remate do vial no PK 2+570, no lugar do Outeiro. Pola súa banda, o Concello de Carballo comprométese a facerse cargo da titularidade da estrada unha vez rematada esta derradeira fase das obras.
A Deputación da Coruña xa acometeu as dúas fases previas deste importante proxecto de mellora nas que se leva investido máis de 1 millón de euros e que supuxeron unha notable mellora no tramo máis urbano desta travesía. Agora completará a totalidade da vía nesta terceira fase, que seguirá a mesma liña das anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas e dotación de novos servizos urbanos, entre eles o alumeado público.