Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Andando enténdese a xente",...

"Andando enténdese a xente", lema do congreso que vai converter Carballo na capital das Cidades que Camiñan

Unha visita técnica que permitirá coñecer a transformación urbanística da vila e a asamblea xeral da Rede de Cidades que Camiñan centran a xornada de mañá xoves

Mércores 6 de outubro do 2021 Carballo ao día

“Andando enténdese a xente” é o lema do 8º Congreso Cidades que Camiñan, que durante tres días vai converter o noso concello na capital das vilas e ciudades de todo o Estado que cremos que unha mobilidade máis sustentable é posible.

O entendemento das persoas no espazo público lévanos a pensar que as solucións urbanas han de transcender máis aló da propia mobilidade para penetrarse en territorios máis profundo

A frase que presidirá o congreso contén en si mesma dúas dimensións da actividade das Cidades que Camiñan. A primeira, a propia mobilidade, xa que a base peonil é a aposta primordial e a partida de nacemento da Rede: o camiñar como símbolo da nova cultura urbana cara a unha mobilidade distinta, alternativa, sa e sostible. Por outra banda, a frase contén unha dimensión sutil pero importantísima: o entendemento das persoas no espazo público lévanos a pensar que as solucións urbanas han de transcender máis aló da propia mobilidade para penetrarse en territorios máis profundos. A cidade como espazo de relación entre a xente, non só para trasladarse, tal como suxire o concepto de mobilidade. Nas cidades non só imos dun lugar a outro. Tamén xogamos, charlamos, detémonos, observamos, existimos e gozamos. En definitiva, entendémonos.

Acompañando ao lema, un dos murais do noso Rexenera Fest, o lendario evento artístico que cada ano proponse seguir derrubando muros, protagoniza o cartel do 8º congreso. Trátase dunha obra de Andreas Van Chrzarowski, de nome artístico Case Maclaim, un prestixioso artista alemán residente en Frankfurt, considerado como un dos principais muralistas contemporáneos, que no ano 2016 deixou como legado do seu paso por Carballo a pintura dunha man atando unha zapatilla deportiva para camiñar, unha iconografía perfecta para enmarcar un congreso dedicado ao máis natural dos modos que as persoas utilizan para desprazarse dun lugar a outro.

A sede do 8º congreso decidiuse no 7º, que tivo lugar en Cádiz pouco antes da declaración do estado de alarma pola pandemia da COVID-19. A celebración estaba prevista para marzo, pero a situación sanitaria obrigou a retrasala ata agora. En Carballo elixirase a sede do noveno encontro, que debería ser unha cidade de maior tamaño e dunha comunidade autónoma non limítrofe con Galicia, para ir alternando espazos urbanos de distintas dimensións. Será unha das decisións que deberán tomar os membros da Rede na asamblea xeral de mañá, como colofón a unha primeira xornada que arrincará cunha visita técnica guiada para coñecer os principais fitos da transformación urbana que está a experimentar Carballo.

Compartir: