Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Congreso Cidades que Camiñan...

O Congreso Cidades que Camiñan reunirá en Carballo a 116 persoas de 30 municipios de todo o Estado e de México

Catro relatorios especiais, a experiencia directa de 10 cidades e a presenza do director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico conforman a columna vertebral do 8º

Sábado 2 de outubro do 2021 Carballo ao día

O 8º Congreso Cidades que Camiñan converterá Carballo no centro de referencia estatal das persoas, entidades e institucións que traballan no ámbito da mobilidade. Un total de 115 persoas procedentes de 30 municipios de todo o territorio nacional e unha de México confirmaron a súa asistencia á xornada pública do día 8, na que contaremos con catro relatorios especiais, a experiencia directa de 10 cidades ao redor de tres mesas redondas específicas e a presenza do director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico como principais eixos da programación.

A presenza de Ismael Aznar, máxima autoridade de avaliación ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica, considérase de especial interese no contexto de implementación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE), tema sobre o que se celebrará unha mesa redonda específica na que se expoñerán os casos de Valladolid, Sevilla, Carballo e Pontevedra, cidades de tamaños variados pero comprometidas co uso racional da mobilidade motorizada.

Os relatorios de apertura e clausura correrán a cargo Pedro Torrijos e Paula Teles. O primeiro, popular divulgador de temas arquitectónicos, falaranos de como podemos imaxinar as cidades do futuro, conferencia coa que se abrirán as sesións. Na clausura, Teles, coordinadora das Cidades e Vilas com Mobilidade para Todos, fará un percorrido polo estado da recuperación do espazo público nas cidades portuguesas.

En canto ás outras dúas mesas redondas, unha delas estará precedida polo relatorio de Màrius Navazo. Será a titulada “A rúa contemporánea: de rúas corredor a rúas salón”, na que se estudarán casos como os de Carballo, Pontevedra, Logroño e San Cristóbal de la Laguna, unha das recentes incorporacións á Rede e a única cidade canaria que polo momento forma parte dela. A outra, sobre seguridade viaria con enfoque peonil, estará introducida por unha charla de José Manuel Pan, xornalista de La Voz de Galicia, ao que seguirán os casos da Coruña, Xetafe, a Deputación de Pontevedra e Pamplona.

Participantes

O 8º Congreso Cidades que Camiñan arrincará o xoves 7 de outubro cun paseo técnico pola vila, guiado por técnicos da Oficina Técnica Municipal, no que participarán 53 persoas. O punto de encontro dos/as participantes será o Mercado Municipal. Posteriormente, 29 membros da Rede de Cidades que Camiñan celebrarán a asemblea xeral anual no Pazo da Cultura, que será a sede tamén da xornada pública do día 8. O congreso estenderase un día máis do previsto, xa que a oferta para participar o sábado 9 nunha ruta guiada pola arte urbana de Carballo tivo unha gran acollida, con 44 persoas inscritas. Tamén tivo boa aceptación a oferta para dispoñer de bicicletas para desprazarse polo noso concello durante os tres días de congreso, con 13 solicitudes.

Entre os 116 participantes no congreso, aos que se sumarán máis de dez persoas do equipo organizador da Rede de Cidades que Camiñan, figuran, fundamentalmente, cargos públicos de concellos e comunidades do Estado, arquitectos/as, enxeñeiros/as, sociólogos/as, educadores/as, urbanistas e policías locais. A participación local é elevada, con 42 persoas, pero máis da metade dos/as participantes virán de fóra de Carballo, convertendo o noso concello tamén nun destino turístico.

A participación galega será moi variada, xa que hai persoas inscritas de Santiago, Ordes, Ponteceso, Lugo, Vimianzo, Oleiros, Vilagarcía de Arousa, Narón, Vigo, Fene, Pontevedra, Ferrol e A Coruña. A capital da provincia é a segunda en número de participantes, cun total de 22, entre eles/as concelleiros/as de distintos partidos políticos. Tamén será numerosa a presenza sevillana, con cinco participantes da localidade de Mairena del Aljarafe e un de Umbrete. Getafe e Torrelodones (Madrid), Granada, San Cristóbal de la Laguna (Tenerife), Malagón (Ciudad Real), Valladolid, Córdoba, Pamplona (Navarra), Palma de Mallorca, Logroño, Elche (Comunidade Valenciá), Cáceres e Villanueva de la Serena (Badaxoz) conforman o mapa de procedencias dos/as asistentes, xunto cun participante de Zapopan (México).

Compartir: