Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta Local de Seguridade aposta por combinar...

A Xunta Local de Seguridade aposta por combinar accións policiais e sociais para frear o incremento dos delitos informáticos

O alcalde de Carballo e a subdelegada do Goberno na Coruña co-presidiron a sesión anual de avaliación da seguridade cidadá no noso concello

Mércores 29 de setembro do 2021 Carballo ao día

O incremento dos delitos informáticos foi un dos aspectos nos que máis se incidiu na Xunta Local de Seguridade celebrada hoxe no salón de plenos do Concello de Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López, co-presidiron a sesión, na que se avaliou a situación da seguridade cidadá, que se mantén en parámetros similares aos rexistrados no ano 2019, cunha lixeira mellora das estatísticas. Na xuntanza participaron o coronel Francisco Javier Jambrina, o tenente do posto principal da Garda Civil de Carballo, un representante da Policía Autonómica, os xefes da Policía Local e Protección Civil, o concelleiro de Seguridade, persoal da Subdelegación do Goberno, a directora do Centro de Información á Muller e os representantes dos distintos grupos da corporación municipal.

A taxa de delitos no concello de Carballo reduciuse de 35 a 33,7 por cada mil habitantes, e aínda que está “un pouquiño por riba da media provincial e galega”, está moi por debaixo da media estatal de 42 delitos por cada mil habitantes. Esa diminución foi posible mesmo a pesar do incremento dos delitos informáticos, que, seguindo a tendencia xeneralizada en toda España, subiron un 40% con respecto ao ano 2019.

De feito, a subdelegada destacou que a loita contra os delitos informáticos é unha prioridade para a Subdelegación do Goberno e para as forzas e corpos de seguridade. Dado que se trata dun tipo de delincuencia moi difícil de abordar, tanto na Garda Civil coma na Policía Local creáronse unidades específicas e especializadas. Pero ademais das accións policiais, o coronel Jambrina destacou a importancia de informar e formar á cidadanía, xa que na maioría das ocasións o que se produce son estafas que serían evitables cunhas medidas de prevención básicas. Por iso, na sesión de hoxe tamén se abordou a posibilidade de organizar charlas informativas para a poboación máis vulnerable.

Comparativa

Dadas as características especiais do ano 2020, marcado polo confinamento e as restricións de mobilidade, que provocaron un descenso de todos os delitos agás dos informáticos e tamén da violencia de xénero e dos delitos sexuais, a comparativa estatística realízase co ano 2019.

Na xunta de seguridade analizouse tamén polo miúdo a situación da loita contra a violencia de xénero. A subdelegada situou a Carballo como exemplo neste sentido para outros moitos concellos porque xa son dez anos os que leva incorporado ao sistema Vioxen de seguimento das vítimas, coa participación activa da Policía Local. De feito, o convenio de colaboración entre Concello e Ministerio de Interior nesta materia renovouse en febreiro de este mesmo ano, o que demostra o compromiso do goberno municipal neste sentido. O número de casos activos no concello reduciuse respecto ao pasado ano, pasando de 63 a 56, ningún de risco alto ou extremo. María Rivas resaltou que a loita contra a violencia machista é outra das prioridades da Subdelegación do Goberno.

Todas as forzas e corpos de seguridade destacaron o bo nivel de colaboración existente, que se reforzará en breve cun novo convenio entre Garda Civil e Policía Local.

O xefe do corpo municipal, Roberto Mosquera, realizou tamén un balance da actividade policial no último ano, marcado pola vixilancia do cumprimento das medidas de prevención da COVID-19. Neste 2021 a Policía Local leva atendidas un total de 2.550 avisos e incidencias relacionadas cos diferentes ámbitos de actuación, dende a vixilancia das ordenanzas municipais ata os accidentes de tráfico ou os controis de alcoholemia.

Pola súa banda, o responsable de Protección Civil, Javier Souto, centrouse na campaña de praias, caracterizada pola elevadísima afluencia e polas medidas de prevención da COVID-19, e tamén se referiu aos incendios forestais, que se reduciron respecto ao ano pasado pero que levan afectado xa a unha superficie aproximada de 12 hectáreas no que vai de ano.

Compartir: