Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado o proxecto de expropiación dos...

Aprobado o proxecto de expropiación dos terreos que permitirán aumentar a canle do Anllóns na ponte da Casilla

A actuación forma parte das medidas previstas no convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para evitar os riscos de inundación

Luns 27 de setembro do 2021 Carballo ao día

O único arco que queda da ponte primitiva e vista do edificio que se vai derrubar

O único arco que queda da ponte primitiva e vista do edificio que se vai derrubar

A Xunta de Goberno Local aprobou de xeito inicial o proxecto de expropiación forzosa para a obtención de 280,15 metros cadrados de terreo que permitirán aumentar a canle do río Anllóns ao seu paso pola ponte da Casilla ou de Isabel II. O obxectivo deste tipo de actuacións é eliminar obstáculos existentes no curso do río, neste caso un inmoble situado na rúa Fomento 57 (conta con semisoto, tres plantas e baixo cuberta, cunha superficie total construída de 786,74 metros cadrados) e un terreo vacante situado na parte posterior.

O valor total dos bens que se expropiarán foi fixado en 399.521,75 euros. O acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local inclúe tamén que se opte polo procedemento de taxación conxunta para a tramitación do expediente e que se declare a utilizade pública dos bens e dereitos afectados e do proxecto de expropiación, que será sometido a información pública durante o prazo de 1 mes a partir da publicación correspondente no Diario Oficial de Galicia.

A adquisición do inmoble forma parte dos compromisos adquiridos polo Concello de Carballo dentro do convenio de colaboración con Augas de Galicia para reducir o risco de inundación nas marxes do Anllóns. O acordo establece unha serie de actuacións que serán co-financiadas nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), entre as cales considéranse prioritarias as seguintes:

  • Reforma da ponte da Casilla e da canle, dentro da cal se inclúe a demolición do edificio que se vai expropiar, e motas de contención augas abaixo da ponte.
  • Demolición de edificación, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol. Neste caso, o inmoble xa é propiedade do Concello de Carballo dende hai varios anos.
  • Reforma integral do parque do San Martiño. Construcións de motas de protección fronte ás avenidas.
  • Mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo).
  • Realización dun bypass no Muíño do Quinto.

Todas estas actuacións forman parte do Plan específico de xestión do risco de Inundación (PEGRI) na área fluvial do Anllóns, redactado por Augas de Galicia, que define as medidas de prevención e preparación ante inundacións, as medidas de protección e medidas de recuperación e revisión tras producirse un episodio destas características.

Mediante o convenio vixente, Augas de Galicia comprométese a executar, controlar e financiar as obras precisas; mentres que o Concello de Carballo debe achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras que pola súa natureza sexan susceptibles de recepción por parte da Administración local. O orzamento das actuacións está estimado en tres millóns de euros, que se investirán en tres anualidades: 280.000 no 2021; 1.360.000, no 2022, e 1.360.000, no 2023.

Zonas de actuación do plan de xestión do risco de inundación

Zonas de actuación do plan de xestión do risco de inundación

Compartir: