Inicio Carballo ao día Hemeroteca Superadas xa as 100 visitas a empresas dentro da...

Superadas xa as 100 visitas a empresas dentro da campaña informativa sobre residuos dirixida a grandes produtores

No programa de recollida selectiva de materia orgánica “Ti tes a chave” contamos neste momento con 125 empresas adheridas

Venres 3 de setembro do 2021 Carballo ao día

A campaña informativa sobre residuos coa que queremos chegar aos grandes produtores de todo o concello avanza a moi bo ritmo, e a día de hoxe levamos 122 visitas realizadas. A acollida está sendo excelente, e a valoración dos servizos, tamén. Os datos recollidos introdúcense nunha aplicación informática que permite coñecelos en tempo real e que, dentro da nosa política de mellora continua dos servizos públicos, facilitará a valoración e, de ser o caso, a intervención nas cuestións que expoñan as empresas.

A campaña inclúe visitas individuais a máis de 500 comercios e establecementos de hostalaría, xa queremos seguir aumentando a rede de empresas comprometidas coa xestión sostible de residuos, integrada por máis de 200 negocios dos sectores máis variados. Entre eles figuran 125 participantes no programa “Ti tes a chave”, destinado á recollida selectiva de residuos orgánicos.

Ademais de seguir ampliando a participación na xestión sostible dos bio-residuos entre os grandes produtores, a iniciativa que estamos a desenvolver pretende mellorar tamén a recollida selectiva doutros residuos, como as pilas, o aceite de cociña usado ou o cartón. Para cada un deles temos programas diferenciados:

  • Para a recollida de pilas ofrécese a todos os negocios, sexan do sector que sexan, a posibilidade de dispoñer dun colector específico nas súas instalacións, tanto para uso propio como para facilitar o depósito á súa clientela e á veciñanza en xeral. Sumarse é moi doado. Se hai que chamar ao número de teléfono 981 754 917, e a empresa concesionario do servizo de recollida e xestión de residuos facilitarache un colector de balde.
  • Para a recollida de aceite de cociña, aínda que para a cidadanía en xeral existen colectores específicos distribuídos por todo o concello, no caso dos grandes produtores poden optar pola recollida individual, que poden solicitar no número de teléfono 600 000 222.
  • En canto á recollida de cartón pregado, en Carballo funciona con moi bos resultados o sistema porta a porta, que consiste en depositar nas portas dos comercios o cartón pregado para a súa retirada os luns, mércores e venres laborables a partir das 20.00 horas. Para facilitar o pregado, nas visitas que estamos a realizar entregamos aos comerciantes un rollo de cinta de embalar fabricada con papel e, polo tanto, reciclable tamén. Se precisas información adicional ou tes moito cartón podes chamar ao 981 754 917.

Compartir: