Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 600 familias do rural...

Máis de 600 familias do rural carballés participan xa no programa de compostaxe doméstica

Aberto o prazo de solicitude para a nova remesa de composteiros que repartiremos no mes de setembro

Mércores 11 de agosto do 2021 Carballo ao día

Dende o Concello de Carballo seguimos apostando pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión dos residuos orgánicos, tanto a través da iniciativa “Ti tes a chave”, que se desenvolve na zona urbana con máis de 1.300 participantes, coma do programa de compostaxe doméstica, que, ademais de contribuír á redución do lixo, facilita ás familias da zona rural a utilización dun abono de calidade nas hortas domésticas. Nestes momentos contamos con 611 familias practicando a compostaxe na zona rural, 44 máis que hai dous meses.

Grazas á implicación da veciñanza, nun ano conseguimos converter en compost 450 toneladas de residuos orgánicos. Pero queremos que o voluntariado verde continúe medrando no noso concello, e por iso seguimos recollendo solicitudes para un próximo reparto de composteiros que realizaremos no mes de setembro. As persoas interesadas só teñen que cubrir o impreso que aparece ao final desta nova e presentalo, debidamente cuberto, no Rexistro Municipal (con cita previa no 981 704 100) ou no Rexistro Telemático, ao que se accede a Sede Electrónica de www.carballo.gal. O único requisito é dispoñer dunha parcela de 50 metros cadrados como mínimo.

O Concello de Carballo non só facilita os composteiros de balde ás familias interesadas, senón que tamén lles entrega un aireador e unha malla para toupas, e, fundamentalmente, un programa de formación e seguimento personalizado. Tamén está a disposición das persoas usuarias do programa un punto de acopio de material estruturante ao que poden acudir libremente e de balde. Con esta iniciativa trátase de facilitar o labor da compostaxe a familias que carecen de recursos na súa parcela para realizar o aporte de materia seca que precisa o composteiro.

E se se vos presenta algunha dúbida á hora de utilizalo, botádelle unha ollada a este titorial.

Descargas

Compartir: