Inicio Carballo ao día Hemeroteca ADOS e o Concello agradecen a solidariedade de...

ADOS e o Concello agradecen a solidariedade de Carballo na campaña especial de doazón de sangue, con 122 doantes

Das 134 persoas que se achegaron ata a unidade móbil de ADOS, 12 non puideron doar e 2 fixérono por primeira vez

Martes 10 de agosto do 2021 Carballo ao día

 Maruxa Suárez foi unha das persoas que se achegaron a doar

Maruxa Suárez foi unha das persoas que se achegaron a doar

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo queren agradecer a solidariedade da veciñanza, como demostra a elevadísima participación na campaña especial de doazón realizada a semana pasada. En só tres xornadas pasaron pola unidade móbil un total de 134 persoas, 12 das cales non puideron doar. Das 122 que si o fixeron, 2 acudían por primeira vez, o que supón un motivo engadido para a satisfacción que achegan estas cifras. A participación incrementouse nun 26% con respecto á media mensual do ano pasado, un aspecto que dende ADOS valórase moi positivamente.

Nesta ocasión, ademais da habitual colaboración do Servizo Municipal de Protección Civil, a través da unidade de salvamento acuático, sumouse á campaña a Concellaría de Mocidade, convidando aos mozos e mozas maiores de 18 anos a participar nesta e nas sucesivas campañas de doazón que se realicen no noso concello. Neste sentido aproveitamos para lembrarvos que a unidade móbil de ADOS visita Carballo todos os meses.

O obxectivo deste 2021 é acadar a taxa de 40 doazóns por 1.000 habitantes (o ano pasado foi de 37), un obxectivo que está moito máis preto se conseguimos manter a participación nas campañas mensuais que nos quedan ata finais de ano.

ADOS, que cualificou as cifras da campaña como “excepcionais”, lembra que pon a disposición da cidadanía a súa web http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828, no que ademais podemos solicitar cita previa para doar; e as súas páxinas en redes sociais como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

Compartir: