Inicio Carballo ao día Hemeroteca Nova campaña medioambiental para ampliar a...

Nova campaña medioambiental para ampliar a rede de puntos de recollida de pilas coa colaboración de comercios e entidades

Os establecementos interesados só teñen que chamar ao 981 754 917

Martes 13 de xullo do 2021 Carballo ao día

Nos colectores para pilas que temos distribuídos pola zona urbana de Carballo, fundamentalmente en edificios municipais, centros educativos e establecementos comerciais, recollemos cada ano unha media de 900 quilos de pilas. Pero queremos seguir mellorando a xestión dun residuo que é altamente contaminante, e por iso animamos tanto a empresas coma a entidades a participar para seguir ampliando a rede de puntos de recollida de pilas.

Sumarse a esta nova campaña medioambiental é moi doado. Se tes un negocio só tes que chamar ao número de teléfono 981 754 917, e a empresa concesionario do servizo de recollida e xestión de residuos facilitarache un colector de balde. A partir de agora, os locais participantes estarán identificados cun cartel como o que podes ver na imaxe, e calquera persoa poderá depositar as pilas nos establecementos colaboradores.

Cando os colectores están cheos só hai que chamar ao número de teléfono que figura na tapa, e a concesionaria do servizo de recollida do lixo encargarase de pasar a baleiralos. As pilas recollidas son transportadas por un xestor autorizado a unha planta de reciclaxe, onde se separan os materiais perigosos do resto dos compoñentes.

Xunto á colaboración das empresas e entidades locais resulta fundamental a implicación da veciñanza. Lembra que unha soa pila pode contaminar miles de litros de auga. Evitalo está na túa man: deposita as pilas gastadas nos establecementos colaboradores.

Compartir: