Inicio Carballo ao día Novas O acto de apertura da semana de San Xoán...

“A FESTA LEVÁMOLA DENTRO”

O acto de apertura da semana de San Xoán trasládase ao Mercado Municipal ante a ameaza de choiva

Na presentación actuarán dous grupos de cámara do CMUS e o concerto da Banda de Música Municipal será o día de San Xoán despois da misa

Luns 21 de xuño do 2021 Cultura

Segundo as previsións de Meteogalicia, a choiva vai seguir acompañándonos ata o día 23 pola tarde, así que dende a Concellaría de Festas decidimos activar o plan B para a xornada de apertura do San Xoán. O acto, aberto a toda a veciñanza ata completar aforo, celebrarase mañá martes ás 20:30 horas, como estaba previsto, pero en lugar de ser ao aire libre na Praza do Concello será a cuberto, na planta alta do Mercado Municipal.

Ademais do cambio de escenario, as limitacións do espazo tamén nos obrigan a modificar o cartel musical. Os/as protagonistas seguirán sendo os alumnos e as alumnas do Conservatorio Profesional de Música Carballo, en concreto un trío de violín, piano e clarinete formado por Eduardo Coma, Sara Pose e Xairo Campos, e un dúo de piano e saxofón integrado por Xavier Lemus e Patricia Camino.

Entre as actuacións intervirán o presidente da Asociación Cultural San Xoán, Sergio Varela; a concelleira de Festas, Maruxa Suárez, e o alcalde, Evencio Ferrero.

Malia o cambio de cartel, non renunciamos á imprescindible actuación da Banda de Música Municipal, pero trasladamos o concerto para o día 24. Aproveitando que as previsións meteorolóxicas son moito mellores, a agrupación que dirixe Rafael Espido ofrecerá un recital na Praza do Concello a partir das 13:30 horas, coincidindo coa saída da misa dedicada ao patrón, na que o alcalde realizará a tradicional ofrenda a San Xoán.

Esa mesma noite volverá a soar a música, neste caso nas pistas do Chorís. A partir das 20:00 horas celebrarase o primeiro dos Concertos A Festa Levámola Dentro, cos grupos carballeses Chicharrón, Tu futura ex-mujer e Lowcos.

O vernes 25, despois da misa das 12.30 sairá a única procesión das festas, dedicada ao Santísimo Sacramento, e na que unicamente participarán funcionistas e autoridades. Pola tarde volverá a música ao Chorís, cos concertos de Quercus Blues e Elvis Negro a partir das 20:00 horas.

A elección das pistas do Chorís facilitará o control de accesos, dado que se trata dun recinto pechado perimetralmente, e permitirá garantir as medidas de prevención do coronavirus. Neste sentido, as persoas asistentes terán que facilitar os seus datos á chegada e colocaráselles unha pulseira que lles permitirá saír do recinto nos descansos e que ademais identificará a súa zona-burbulla. O público estará sentado e será obrigatorio o uso de máscara.

O 22, último día para comunicar as cachelas!

As festas, aínda que este ano optemos por un programa de mínimos, contarán con algúns dos ingredientes máis tradicionais do noso San Xoán. Despois do éxito que acadou o ano pasado, convocamos a segunda edición do concurso en redes sociais “Flores de San Xoán”.

Para participar, envíanos unha foto da túa porta, ventá ou balcón decorados con flores e plantas tradicionais de San Xoán a comunicacion@carballo.gal e encheremos as redes de cor! Entre todos/as os/as participantes sortearemos xantares ou ceas para desfrutar na hostalaría local.

E entre as tradicións máis arraigadas non podemos esquecer as cachelas, que este ano tamén terán que celebrarse con limitacións. Lembra a importancia de respectar as recomendacións sanitarias de non superar os grupos de 15 persoas ao aire libre, pero tamén as medidas de seguridade co lume. Mañá martes é o último día para presentar a declaración responsable na Policía Local. Toda a información que precisas para organizar a túa cachela con seguridade e o impreso atoparalos aquí.

Ligazóns

Compartir: