Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo agasalla cunha planta...

UNHA PLANTA POLA TÚA COLABORACIÓN

O Concello de Carballo agasalla cunha planta aromática a cada familia que participa nos programas de compostaxe

O reparto, que conta coa colaboración da empresa Dixardín, desenvolverase coincidindo coas feiras desta semana

Martes 8 de xuño do 2021 Carballo ao día

En Carballo somos pioneiros/as na recollida da fracción orgánica dos residuos en colector pechado. Hai xa 7 anos que puxemos en marcha o programa de compostaxe doméstica para vivendas da zona rural, no que participan xa máis de 500 familias, e dende hai case un ano temos en funcionamento na zona urbana a iniciativa “Ti tes a chave”, con máis de 1.200 familias e establecementos colaboradores. Grazas á implicación da veciñanza, nos últimos 12 meses, dende xuño do 2020, conseguimos converter en compost 450 toneladas de residuos orgánicos.

Para agradecer a colaboración deste voluntariado verde, que resulta imprescindible para que o noso concello siga a ser unha referencia en compostaxe, esta semana entregaremos unha planta aromática a cada familia. Nesta iniciativa colabora o centro especial de emprego Dixardín, responsable do mantemento das zonas verdes do noso concello, que tamén se quere sumar á promoción da compostaxe.

Tanto se participas no programa “Ti tes a chave” coma no de compostaxe doméstica, achégate o xoves 10 ou o domingo 13 pola carpa que teremos instalada de 10:30 a 13:30 horas na rúa Coruña e recolle a túa planta aromática. Se tes algunha dúbida sobre a compostaxe aproveita para preguntar e se precisas bolsas compostables non te esquezas de pedilas.

O persoal do programa estará a disposición de toda a cidadanía para informar sobre as vantaxes da separación dos bio-residuos. Así que, se aínda non participas nos programas de compostaxe, pasa pola carpa, infórmate e solicita o teu composteiro ou a túa chave. Tes máis información en www.carballolimpo.com.

Compartir: