Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local inicia o procedemento de...

ACTUACIÓNS CON CARGO AO REMANENTE DO 2019

A Xunta de Goberno Local inicia o procedemento de contratación da primeira fase das obras de reforma do Pazo da Cultura

Na sesión ordinaria de hoxe tamén foi adxudicada a segunda fase do proxecto de mellora do Mercado Municipal

Luns 7 de xuño do 2021 Carballo ao día

Pazo da Cultura

Pazo da Cultura

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe o expediente de contratación da primeira fase das obras de reforma do Pazo da Cultura, que serán financiadas con cargo ao remanente do 2019 cun orzamento de 428.600,63 euros. Hoxe tamén se deu un paso adiante cara a execución doutro dos proxectos que será posible acometer grazas ao remanente: a reforma do Mercado Municipal. Coa primeira fase das obras a piques de rematar, a Xunta de Goberno adxudicou a segunda, que ten como principal finalidade a instalación dun ascensor, á empresa Desarrolla Obras y Servicios por 88.184,80 euros.

Deste xeito xa están en marcha a maioría das obras incluídas no remanente do 2019, que son as seguintes:

  • Accesibilidade en beirarrúas da zona A Milagrosa e a Avenida Ponte da Pedra: 216.519,94 (adxudicada)
  • Seguridade no polígono industrial de Bértoa: 181.300 (en proceso de evaluación das ofertas presentadas)
  • Rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa: 368.311,59 (adxudicada)
  • Rede de saneamento e abastecemento de auga en Cambre de Lema e Cambrelle-Razo: 416.971,86 (adxudicada)
  • Ampliación do cemiterio municipal, 1ª fase: 699.520,70 (en proceso de evaluación das ofertas presentadas)
  • Reforma do Pazo da Cultura, 1ª fase: 428.600,63 (aprobado o expediente de contratación)
  • Reforma do centro social do barrio da Milagrosa: 147.317,86 (adxudicada)
  • Substitución de cuberta e revestimento da fachada do pavillón deportivo “Carballo Calero”: 255.312,90 (adxudicada)
  • Reforma do mercado, 2ª fase: 101.068,12 (adxudicada)
  • Reforma parcial dos almacéns municipais da Cristina para almacén-garaxe de Protección Civil: 82.516,43 (en proceso de evaluación das ofertas presentadas)

Só quedan pendentes de licitar, polo tanto, a reurbanización da rúa Ponteveda, cun orzamento de 151.344,30 euros, e a das rúas Ourense e Baños Vellos, por 294.631,77.

Outros acordos

En materia de contratación, na sesión de hoxe tamén se acordou encargar á empresa Lagares Oca a asistencia técnica para a inspección e auditoría do contrato do Ciclo Integral da Auga, por un importe de 27.796,19 euros. Ademais, declarouse deserta a adxudicación do contrato da asesoría psicolóxica do Centro de Información á Muller (CIM) por non terse presentado ningunha empresa, e acordouse iniciar un novo procedemento de contratación deste servizo por un orzamento anual de 17.719,19 euros e unha duración máxima de catro anos, prórrogas incluídas.

A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o proxecto de urbanización do sector de solo urbanizable do ámbito de Conservas Calvo e seis licenzas de obra, entre elas dúas para naves no polígono de Bértoa.

Compartir: