Inicio Carballo ao día Hemeroteca O servizo de limpeza de praias entra na temporada...

O servizo de limpeza de praias entra na temporada alta coa posta a punto dos areais a diario

O equipo de salvamento e socorrismo, integrado por 32 profesionais, empezará a traballar o xoves 10

Mércores 2 de xuño do 2021 Carballo ao día

Coincidindo co inicio do mes de xuño empezou tamén a temporada alta para o servizo de limpeza de praias, do que se encarga un equipo da empresa Acciona Servicios Urbanos composto por cinco persoas. O contrato, vixente dende o verán do 2020 cun orzamento anual de 88.938,45 euros, inclúe os traballos manuais e mecánicos precisos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia (zonas verdes, aparcamentos, accesos, parques infantís...) para a súa utilización durante todo o ano, así coma as instalacións das praias (casetas de socorrismo, aseos, duchas...), a fonte de Arnados, as contornas da caseta das mariscadoras, e o local que ten Protección Civil no porto de Razo.

A intensidade dos labores de limpeza varía en función da época do ano. Nestes momentos estamos en temporada alta, xa que abrangue do 1 de xuño ao 15 de setembro.

Para poñer a punto das praias de cara ao inminente inicio da temporada de baño, os traballos que se realizan estes días son a montaxe de pasarelas, casetas e pontes; limpeza xeral con retirada de todos os residuos, adecuación do perfil da praia e corta de céspede; en terceiro lugar realizarase un cribado da area, ao que seguirá a nivelación do areal e, por último, a colocación dos elementos necesarios para que se poida utilizar a praia.

Durante este período realízase a limpeza diaria das praias e as súas zonas de influencia, incluído o baleirado das papeleiras. Tamén será diaria a limpeza das casetas dos postos de vixilancia a partir da incorporación do equipo de salvamento e socorrismo, prevista para o vindeiro xoves 10, mentres que no local de Protección Civil realizarase semanalmente. A empresa conta tamén cunha persoa na praia de maneira permanente para que os aseos estean sempre limpos. O contrato inclúe tamén a xestión das fosas sépticas e sanitarios portátiles.

Ademais, a empresa faise cargo da renovación anual das certificacións ISO 14001 e EMAS, da dotación de auga corrente e subministro eléctrico, duchas e caseta na praia da Arnela, e a montaxe e desmontaxe de todos os elementos de madeira.

A intensidade dos traballos reducirase en temporada media, que abrangue do 1 ao 31 de maio e do 16 de setembro ao 14 de outubro, e en temporada baixa, que vai do 15 de outubro ao 30 de abril.

O día 10 empezará a funcionar tamén o servizo de salvamento e socorrismo, unha vez completado, esta mesma semana, o proceso de selección dos 32 profesionais que velarán pola seguridade dos bañistas durante os vindeiros tres meses.

Compartir: