Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo pon en marcha unha...

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

O Concello de Carballo pon en marcha unha campaña para sensibilizar ás persoas propietarias de cans sobre a recollida dos excrementos

A actividade inclúe cunha proxección de cine infantil, con “palomitas” incluídas e algunha que outra sorpresa

Martes 1 de xuño do 2021 Carballo ao día

O 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, e dende o Concello de Carballo queremos incidir este ano na mensaxe de que é imprescindible a colaboración de todas e todos para que poidamos presumir dunhas rúas libres de residuos. Do mesmo xeito que temos realizado campañas sobre os prexuízos medioambientais que causan as cabichas ou as cascas de pipas, nesta ocasión dende a Concellaría de Medio Ambiente propoñémonos chamar a atención sobre a necesidade de que as persoas que posúen cans recollan os seus excrementos.

A presenza de cacas nas beirarrúas e nos parques é, de feito, unha das queixas reiteradas por parte da poboación, ademais de supoñer un problema para o persoal do servizo de limpeza viaria. Por iso, dentro das actividades “eu quero a Carballo”, no ano 2019 realizamos un reparto masivo de dispensadores de bolsas para correas, e agora instalaremos novas papeleiras que tamén inclúen dispensadores de bolsas, intentando así seguir facilitando a recollida dos excrementos. Ademais desta acción, que conta coa colaboración de Aspaber UTE, para reforzar a mensaxe difundiremos o vídeo “Non máis minas polas rúas”, realizado pola compañía de teatro Galeatro, no que, en clave de humor, tratamos de mentalizar aos propietarios e propietarias de cans que non respectan a súa obriga de recoller as defecacións das súas mascotas.

A presentación da campaña terá lugar o sábado 5, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, nunha das zonas verdes da urbanización de Riotorto (43.219322, -8.693743), nun acto destinado ao público infantil. Ademais da proxección do vídeo elaborado por Galeatro, os nenos e nenas poderán ver unha película infantil de animación con temática medioambiental e convidarémolos a un cornete de “palomitas”. Dada a situación sanitaria, o número de prazas é limitado e a asistencia requirirá inscrición previa a través do enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal. O prazo rematará o venres ás 14:00 horas.

Compartir: