Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Asociación de Empresarios do...

A Asociación de Empresarios do Polígono estrea a súa nova sede no edificio cedido polo Concello de Carballo

Ao acto de inauguración asistiron o alcalde e os presidentes das confederacións de empresarios coruñesa e galega

Mércores 26 de maio do 2021 Carballo ao día

Hoxe foi inaugurado o Centro de Promoción Económica Polígono de Carballo, nova sede da Asociación de Empresarios e símbolo do crecemento e a modernización que está a experimentar o noso parque empresarial nos últimos anos. “Esta inauguración non deixa de ser unha metáfora do cambio experimentado por este polígono, que é o máis dinámico de Galicia”, sinalou Juan Fernández, vicepresidente da entidade.

A Asociación de Empresarios ocupará a partir de agora o edificio de propiedade municipal situado na zona de acceso ao polígono. As instalacións, reformadas para adaptarse á súa nova función, son de uso gratuíto para as empresas, e inclúen oficinas para o persoal da comunidade de propietarios, dúas salas de xuntas para reunións de ata 12 persoas e un espazo máis amplo, denominado Sala Alfredo Brañas, con capacidade para 25 persoas.

Ao acto de inauguración asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, e o concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, entre outros convidados.

Unha das mensaxes reiteradas polos representantes da patronal foi a necesidade da Lei de Desenvolvemento de Áreas Empresarias anunciada pola Xunta, pero no caso de Carballo hai outras tres demandas prioritarias: a dixitalización, á que se referiu Juan Manuel Vieites, xunto coa ampliación do polígono e a circunvalación, ás que aludiu Juan Fernández.

Desas necesidades tamén falou o alcalde, despois de destacar a importancia do eixo industrial Carballo-A Laracha-Arteixo e de que as empresas dispoñan do solo e das infraestruturas precisas “para seguir apostando por este territorio”.

No parque empresarial de Carballo, segundo os datos facilitados hoxe, hai actualmente 240 empresas que facturan 280 millóns de euros e que xeran 1.750 empregos directos. Na Asociación de Empresarios do Polígono están integradas 134 empresas de 34 sectores diferentes.

Compartir: