Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle unhas xornadas sobre a...

Carballo acolle unhas xornadas sobre a píllara das dunas dirixidas a ecoloxistas, forzas de seguridade e axentes medioambientais

A iniciativa, que se desenvolve esta fin de semana, comezou hoxe coa presenza do concelleiro Luis Lamas

Sábado 29 de maio do 2021 Carballo ao día

Na xornada de hoxe participaron axentes do Seprona da Garda Civil

Na xornada de hoxe participaron axentes do Seprona da Garda Civil

O Concello de Carballo, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Ambiental Senda Nova, celebra esta fin de semana unha xornada de divulgación sobre a píllara das dunas dirixida a axentes medioambientais, forzas de seguridade e colectivos ecoloxistas, como principais garantes da conservación dunha especie ameazada que ten no noso litoral un dos seus principais hábitats. Na sesión de hoxe, dirixida por Senda Nova e á que asistiu o concelleiro Luis Lamas, participaron axentes do Seprona da Garda Civil e de Proteción Civil. Maña tomará o relevo Hábitat. O punto de encontro será o aparcamento de Baldaio ás 10.30 horas.

A iniciativa xorde polo esforzo de concienciación que está a realizar o Concello de Carballo para eliminar, ou polo menos reducir, as principais ameazas da píllara das dunas. Unha das máis importantes é a presenza de cans soltos nos areais, como se reflicte nas conclusións da campaña de seguimento anual que realizan o Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Ambiental Senda Nova.

O ano pasado foron localizados 20 niños no noso litoral, dos que só 6 saíron adiante. Nestes seis niños naceron 17 polos, pero unicamente se ten constancia de 9 volantóns. O grupo de seguimento da píllara das dunas na franxa Razo-Baldaio fixou tres obxectivos básicos: respectar o plan de conservación vixente, extremar o control sobre as principais ameazas, entre as que destacaron a presenza de cans soltos, e seguir apostando pola limpeza non mecanizada dos areais.

Coñece máis sobre a píllara das dunas no folleto anexo.

Descargas

Compartir: