A VELOCIDADE NAS ZONAS ESCOLARES ESTÁ LIMITADA A 20 KM/H
Redución da velocidade e medidas de protección peonil con actuacións de urbanismo táctico para mellorar a seguridade nas contornas escolares
A Concellaría de Mobilidade reorganiza as contornas do IES Parga Pondal e o CEIP Bergantiños
Martes 4 de maio do 2021 Carballo ao día
![O alcalde e os concelleiros de Mobilidade e Obras achegáronse a ver a solución adoptada nos aparcamentos da rúa Vila de Ordes O alcalde e os concelleiros de Mobilidade e Obras achegáronse a ver a solución adoptada nos aparcamentos da rúa Vila de Ordes](media/../media/img/04052021_aparcamentos_fogar_800x460.jpg)
O alcalde e os concelleiros de Mobilidade e Obras achegáronse a ver a solución adoptada nos aparcamentos da rúa Vila de Ordes
A mellora da seguridade nas contornas escolares é unha prioridade dentro das políticas de mobilidade do Concello de Carballo. Despois das importantes actuacións urbanísticas que levamos a cabo nos últimos anos nos ámbitos do CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas, o CEIP Xesús San Luís Romero e o CEIP Plurilingüe A Cristina, ou das sucesivas intervencións para eliminar barreiras nas rutas escolares, dende a Concellaría de Mobilidade seguimos a introducir novos elementos que contribúen a mellorar a seguridade da rapazada e da comunidade educativa, pero tamén da veciñanza en xeral.
Nese sentido vimos de renovar a sinalización nas zonas escolares, nas que a velocidade de circulación queda limitada a 20 km/hora, ademais de implementar outras medidas como a colocación de topes de caucho nas prazas de aparcamento da rúa Vila de Ordes, xunto ao CEIP Fogar, evitando así que os vehículos invadan as beirarrúas.
![Na contorna do IES Parga Pondal estase a reordenar o espazo con pintura Na contorna do IES Parga Pondal estase a reordenar o espazo con pintura](media/../media/img/04052021_pintura_ies_parga_pondal_(2).jpeg)
Na contorna do IES Parga Pondal estase a reordenar o espazo con pintura
Esta semana, ademais, puxemos en marcha os primeiros proxectos de urbanismo táctico, unha fórmula de transformación urbana que, mediante a utilización de elementos de mobiliario urbano e pintura, basicamente, permite mudar o espazo urbano. Con este sistema, se a actuación realizada funciona pode facerse permanente, mentres que se é preciso realizar cambios permite axustar o proxecto dun xeito sinxelo e económico.
A primeira intervención de urbanismo táctico estase a desenvolver estes días na zona do IES Isidro Parga Pondal, na que, a proposta do centro, por unha parte realízase unha reordenación dos aparcamentos e, por outra, delimítase unha senda peonil dende a ponte ata o instituto, pola marxe dereita da rúa. A vindeira semana está previsto actuar tamén na contorna do CEIP Bergantiños. Xa dende principios de curso, atendendo as demandas do propio colexio, a rúa Ramón Cabanillas está pechada ao tráfico durante as horas de entrada e saída, o que contribuíu a reducir o tráfico rodado e á conseguinte mellora da seguridade. Esa medida complementarase agora co aproveitamento de novos espazos para uso peonil tanto na zona de acceso ao colexio coma na do parque infantil.