Inicio Carballo ao día Hemeroteca A demanda de solo e a creación de empresas...

NESTE MOMENTO SÓ HAI 13 PARCELAS DISPOÑIBLES

A demanda de solo e a creación de empresas no polígono de Bértoa continúan a un ritmo alto malia a crise sanitaria

Nos primeiros meses do ano foron aprobados catro novos proxectos empresariais e presentáronse dúas solicitudes máis

Mércores 28 de abril do 2021 Carballo ao día

Como podes ver máis abaixo, no mapa publicado por Xestur Galicia, das 128 parcelas existentes no polígono industrial de Bértoa só hai 13 dispoñibles, 5 menos que a principios de ano. O nivel de ocupación supera xa o 90% da superficie, e a ampliación comprometida para este ano polo Goberno da Xunta de Galicia urxe cada vez máis, posto que esas 13 parcelas ou ben son de dimensións reducidas ou están destinadas ao uso terciario, o que dificulta o desenvolvemento de proxectos industriais.

O polígono carballés continúa nos primeiros meses deste ano á cabeza de Galicia no que se refire a adxudicacións de solo por parte de Xestur. Pero non só destaca en canto a demanda de parcelas, senón tamén no que se refire a creación de empresas. De feito, nos catro primeiros meses deste ano foron aprobadas as licenzas para outros catro proxectos empresariais:

  • Construción dunha nave destinada a montaxe de casas prefabricadas, cun orzamento de execución de 236.411,76 euros. Aprobada pola Xunta de Goberno Local o 1 de febreiro.
  • Construción de nave destinada a almacén de maquinaria e materiais de obra, cun orzamento de 264.451,82 euros. Aprobada pola Xunta de Goberno Local o 15 de febreiro.
  • Proxecto básico para unha nave destinada á comercialización de compoñentes agroindustriais, 580.900,53 euros. Aprobada pola Xunta de Goberno Local o 15 de marzo.
  • Construción de ampliación de nave industrial destinada a taller de mecanizados, 148.104,52 euros. Aprobada pola Xunta de Goberno Local do 26 de abril.

Ademais, no primeiro trimestre deste 2021 presentáronse dúas novas solicitudes de licenza para outras tantas naves no parque empresarial. Nos últimos 10 anos tramitáronse 112 licenzas para a construción de naves industriais, 10 delas no ano 2020, malia a crise sanitaria.

Ligazóns

Compartir: