Inicio Carballo ao día Hemeroteca Policía Local e Protección Civil...

O SERGAS EMPEZOU A CONVOCAR HOXE A 5.160 PERSOAS PARA AS PROBAS PCR

Policía Local e Protección Civil colaborarán na organización do cribado que se realizará do 27 ao 29 de abril entre a poboación de 40 a 50 anos

No noso concello hai hoxe 39 casos activos de COVID-19, 235 menos que cando se realizou o cribado de febreiro á poboación de 55 a 65 anos

Luns 26 de abril do 2021 Carballo ao día

A Policía Local e Protección Civil volverán a colaborar coa Consellería de Sanidade para facilitar o desenvolvemento do cribado previsto entre os días 27 e 29 deste mes no noso concello coa finalidade de buscar casos positivos de COVID-19 que non estean diagnosticados. Nesta ocasión serán convocadas un total de 5.160 persoas de idades comprendidas entre 40 e 50 anos, segundo informaron dende a Área Sanitaria A Coruña-Cee.

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Juan Seoane, explicou que durante esas tres xornadas establecerase un dispositivo especial para facilitar o aparcamento e controlar os accesos ao centro médico. Con esa finalidade, a rúa Gregorio Marañón estará pechada ao tráfico e utilizarase como zona de estacionamento exprés para as persoas convocadas para o cribado. Policía Local e Protección Civil colaborarán tamén co Sergas na organización dos accesos para evitar que se formen aglomeracións. Neste sentido faise un chamamento ás persoas citadas para que acudan á hora fixada. As probas serán PCR e realizaranse de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

O Sergas comunicou hoxe 39 casos activos, dous menos ca onte e os mesmos que había o sábado. Cando se realizou o cribado anterior no mes de febreiro, ao que foron convocadas preto de 4.000 persoas de 55 a 65 anos, había 274 casos activos, é dicir, 235 máis que neste momento. Naquela ocasión detectáronse 4 casos positivos.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, apela unha vez máis á responsabilidade individual no que respecta ás medidas de prevención do coronavirus, ademais de facer unha chamada ás persoas citadas para o cribado para que acudan á convocatoria das autoridades sanitarias.

Compartir: