Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación municipal aprobará...

Carballo adhírese ao convenio coa Xunta para axudar aos negocios afectados polos peches que se decretaron por mor da COVID-19

A corporación municipal aprobará unha partida de 162.000 euros para axudas directas ao sector da hostalaría

O Concello achegará 1.000 euros a cada un dos 162 establecementos que solicitaron axudas do plan de rescate da Xunta

Venres 23 de abril do 2021 Carballo ao día

A hostalaría foi un dos sectores máis afectados polos peches

A hostalaría foi un dos sectores máis afectados polos peches

O Concello de Carballo adoptará este luns dous acordos que permitirán aliviar a situación do sector da hostalaría, un dos máis castigados pola crise derivada da COVID-19. Na Xunta de Goberno Local que se celebrará ás 13.30 horas darase luz verde ao convenio coa Xunta de Galicia para a concesión de axudas aos negocios afectados polos sucesivos peches decretados polas autoridades sanitarias, e no pleno ordinario convocado para as 20.30 horas aprobarase o suplemento de crédito correspondente á parte que se achegará dende as arcas municipais, e que suma 162.000 euros.

Evencio Ferrero: “A Xunta xa nos facilitou o número de solicitantes, que no caso de Carballo foron 162, e por iso a partida será de 162.000 euros, que se financiarán con cargo ao remanente do exercicio anterior”

Por que esta cantidade? Como explicou o alcalde, Evencio Ferrero, máis dun cento de concellos galegos, entre os cales figura o noso, acadaron un acordo coa Xunta de Galicia para establecer un plan de rescate específico para o sector da hostalaría. Ese acordo implica que a Administración autonómica compensará os peches cunha cantidade que pode oscilar entre 1.900 e 3.700 euros, e os concellos complementarán esas cantidades con outros 1.000 euros para cada establecemento. “A Xunta _dixo o alcalde_ xa nos facilitou o número de solicitantes, que no caso de Carballo foron 162, e por iso a partida será de 162.000 euros, que se financiarán con cargo ao remanente do exercicio anterior”.

Evencio Ferrero comentou que as subvencións concédense a cada establecemento, á marxe da súa titularidade, e que son compatibles cos plans de axuda a persoas autónomas e microempresas. O alcalde engadiu que por parte do goberno municipal de Carballo existe a mellor disposición para seguir apoiando este tipo de plans de axuda.

Outros asuntos

No pleno ordinario do último luns de abril tamén se abordarán outras cuestións, entre elas a actualización do inventario municipal de bens, que ten un valor de máis de 300 millóns de euros; a conta de recadación do ano 2020, que se mantivo nas porcentaxes de anos anteriores malia a crise sanitaria; a renovación do convenio coa Secretaría de Estado de Facenda para a xestión catastral; unha modificación no rueiro para dedicarlle unha praza a Xela Arias, autora homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, e dúas mocións de Terra Galega sobre o circuíto do motor e unha cuestión catastral relativa a uns terreos de Razo. Podes descargar a convocatoria máis abaixo.

Descargas

Compartir: