Inicio Carballo ao día Novas Se tes unha idea para un proxecto emprendedor e...

Se tes unha idea para un proxecto emprendedor e precisas un lugar para levalo a cabo achégate polo "Carballo Coworking"

Nestes momentos están dispoñibles 5 dos 18 postos que poñemos ao servizo das persoas que queiran iniciar un proxecto empresarial

Xoves 22 de abril do 2021

O Concello de Carballo, coa colaboración da Deputación da Coruña, está a realizar unha importante aposta polo Carballo Coworking, un espazo de traballo compartido ideado para impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de empresas vinculadas, preferentemente, aos ámbitos da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, sector audiovisual, turismo ou investigación e iniciativas que formen parte da economía social. Nese sentido, á marxe do convenio de colaboración, a Concellaría de Promoción Económica está a impulsar o proxecto con novas accións que permitan seguir apoiando o emprendemento no noso concello e no ámbito da Costa da Morte.

Na actualidade, no Carballo Coworking estanse a desenvolver 12 iniciativas empresariais nas que traballan 16 coworkers procedentes de concellos da Costa da Morte como Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso e, na súa maior parte, Carballo. Entre os/as usuarios/as do noso espazo de traballo colaborativo atópanse 8 emprendedores/as, que, ben de forma individual ou en grupo, están a traballar en 6 ideas/ proxectos, aínda en fase de pre-incubación, destinadas á creación de empresas, na súa maioría enfocadas ao benestar e servizos ás persoas (asesoría empresarial, consultorías…), iniciativas que forman parte da economía social, cultura, novas tecnoloxías e audiovisual.

Nestes sectores tamén se moven maioritariamente as 6 novas empresas, nas que traballan 8 autónomos/as, cunha antigüidade non superior a dous anos de exercicio empresarial (fase de incubación), e que no coworking non só desfrutan da posibilidade de dispoñer dun local, senón tamén dunha serie de servizos e infraestruturas que contribúen a mellorar as súas posibilidades de éxito.

Equipamento e servizos

Ademais dos 156 metros cadrados habilitados para un total de 18 postos de traballo,  as persoas usuarias do coworking teñen á súa disposición un auditorio con capacidade para 100 persoas para actos públicos ou presentación; unha aula de formación, tamén destinada a sala de xuntanzas, sala de intercambio de experiencias e ideas, etc; zonas comúns (vestíbulo de acceso, recepción e zona de administración e área de descanso); acceso a medios audiovisuais, conexión a internet de alta velocidade por cable e wifi.

Se queres ocupar un dos 5 postos que temos dispoñibles para levar a cabo a túa idea de negocio ou dar os primeiros pasos como autónomo/a, achégate ao Fórum Carballo e infórmate (nave 1, 2º andar). O Carballo Coworking está aberto de luns a venres en horario continuado de 09.00 a 19.00. Tamén podes informarte en coworkingcarballo.gal ou chamando aos teléfonos 661 064 895 /  881 983 520.

Ligazóns

Compartir: