Inicio Carballo ao día Hemeroteca Catro colexios carballeses participan no proxecto...

Catro colexios carballeses participan no proxecto educativo, deportivo e medioambiental "Aprende a través do surfing"

Hoxe celebrouse unha nova xornada de bautismos no CEIP Nétoma-Razo

Martes 20 de abril do 2021 Carballo ao día

Nétoma-Razo, Gándara-Sofán, A Cristina e Xesús San Luís Romero son catro dos quince colexios galegos que participan na iniciativa “Aprende a través do surfing”, promovida pola Federación Española de Surfing e o colectivo Surf and Clean, coa colaboración dos concellos e da Deputación da Coruña, e que está estreitamente ligada ao traballo que se está a desenvolver para conseguir a declaración da Costa da Morte como Reserva Local de Surfing.

A escola oficial Boaola é a encargada do desenvolvemento do proxecto no noso concello. Despois do traballo que se levou a cabo nas aulas e a través da plataforma online nos últimos meses, chegou o momento de entrar en contacto co mar. Hoxe, sen ir máis lonxe, realizáronse novos bautismos de surfing co alumnado de Razo. Con esta actividade, que se puxo en marcha á volta das vacacións de Semana Santa, a rapazada aprende a ser surfista tanto fóra coma dentro da auga, no primeiro caso a través de módulos sobre a cultura do mar, a seguridade ou a relación das persoas co medio, e no segundo dende o punto de vista da física, a técnica ou o vínculo co mar. “Buscamos un desenvolvemento das nenas e os nenos como surfistas completas e completos dende unha ampla perspectiva”, explica David Blanco, coordinador do proxecto en Carballo.

Fomentar a cultura acuática e marítima, mellorar a seguridade nas praias, crear un vínculo co mar que permita comprender mellor a súa relevancia, recoñecer as ondas coma un ben de gran valor para a comunidade, crear unha rede do mar, introducir no ensino a perspectiva de medio ambiente e transformación social e formar axentes de cambio que axuden á sociedade a facer unha transición cara unha forma de vida máis sostible son os grandes e ambiciosos obxectivos desta proposta educativa, que, como indica David Blanco, “ofrece unha perspectiva de medio ambiente e transformación social a través da cultura do surfing”.

Compartir: