Inicio Carballo ao día Avisos Sorteamos 4 estadías de 6 días para...

Sorteamos 4 estadías de 6 días para dúas persoas nas escolas de surf de Carballo. Entra e participa!

Mércores 7 de abril do 2021

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Carballo convoca un sorteo nas redes sociais de Turismo a través da súas páxinas de Facebook, Twitter e Instagram co obxectivo de favorecer a práctica do surf no municipio e de promocionar Carballo como destino de surf. Xa que o Concello de Carballo forma parte da candidatura conxunta da Costa da Morte para converterse en Reserva Mundial de Surf ante a ONG Save the Waves, dada a presenza no municipio de cinco escolas de surf, así como da práctica habitual deste deporte nas praias carballesas, o obxectivo da campaña “Surfea Carballo” é o de reforzar a presenza do municipio como espazo para practicar o surf e contribuír a promocionalo alén das fronteiras do Concello.

BASES DO CONCURSO

  • Poderá participar no sorteo calquera persoa maior de 18 anos.
  • Para entrar no sorteo, os/as participantes deberán publicar unha fotografía de autoría propia no seu muro de Instagram, Facebook ou Twitter entre o xoves 1 e o venres 30 de abril relacionada claramente co surf: unha táboa, un neopreno, xente practicando surf, unha ou varias persoas preparadas para practicar surf... Cada usuario ou usuaria das redes sociais só poderá participar cunha imaxe.
  • O/a participante ten que ter o seu perfil social público.
  • Deberá etiquetar na foto ao perfil de Turismo Carballo de Facebook, Twitter ou Instagram:
            https://www.facebook.com/turismodecarballo
            https://twitter.com/TurismoCarballo 
            https://www.instagram.com/turismocarballo/

  • Na publicación ten que figurar o hashtag #SurfeaCarballo 
  • Non concursarán as publicacións efémeras como “Stories” ou “Fleets”. Os participantes deberán realizar a publicación no seu muro ou timeline.
  • As fotografías terán que ser orixinais. O/a participante manifesta e garante que é o único titular de todos os dereitos de autor sobre a fotografía que se presenta ao sorteo e responsabilízase totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación de terceiros por dereitos de imaxe.
  • Se na fotografía ou vídeo aparecen outras persoas, o/a participante deberá ter permiso expreso das mesmas para publicar o devandito contido.
  • Non se admitirán contidos de carácter racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razón de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade. Non se aceptan as publicacións que conteñan apoloxía do terrorismo ou da violencia, ou que apoien violacións dos dereitos humanos. Non se admiten publicacións con contidos ou ligazóns que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor. Non se aceptarán as publicacións con contidos, ligazóns ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.

PREMIO

  • As autoras/autores de cada fotografía publicada que cumpra cos requirimentos esixidos participarán nun sorteo de 4 estadías de 6 días para dúas persoas a pensión completa nalgunha das escolas de surf do Concello de Carballo que poderán desfrutarse na 1ª quincena de setembro de 2021 ou, no seu defecto, cando as condicións sanitarias da COVID-19 o permitan. No sorteo determinaranse tamén 5 suplentes que poderán obter o premio en caso de renuncia ou non comunicación dalgún/dalgunha dos/das gañadores. O sorteo será público e anunciarase a súa data coa suficiente antelación na web do Concello www.carballo.gal e nas propias redes sociais de Turismo Carballo, onde tamén se publicarán os resultados.

Descargas

Compartir: