Inicio Carballo ao día Novas O orzamento do 2021 pon o foco nas...

A PROPOSTA ACADA OS 26.159.231 EUROS

O orzamento do 2021 pon o foco nas políticas municipais de apoio ao tecido social e económico fronte á pandemia

A concelleira de Facenda e o alcalde presentaron o documento tras a primeira comisión informativa previa ao pleno do día 22

Venres 12 de febreiro do 2021

A corporación municipal aprobará no pleno ordinario do luns 22 o orzamento para este ano, que acada os 26.159.231,03 euros, 186.828,66 máis ca o ano pasado. O documento xa lles foi entregado esta semana aos grupos da oposición, e aínda se celebrará unha segunda comisión antes do debate plenario. E hoxe tamén se realizou unha presentación telemática para os medios de comunicación na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro.

“Estamos ante un orzamento realista, social e adaptado á situación de pandemia”, manifestou Belén Lendoiro. Así, o documento económico pon o foco este ano nas políticas municipais de apoio ás familias e aos sectores económicos máis castigados pola crise da COVID-19, “sen diminuír a prestación de servizos”, engadiu a concelleira.

“Por primeira vez _dixo o alcalde_ o orzamento non é unha foto final, porque a situación de pandemia posibilita a incorporación de remanentes, e nós ímolos incorporar igual que fixemos no 2020 con 3,5 millóns de euros en obras que se van executar este ano, pero, sobre todo, pendentes de como vaian evolucionando as axudas doutras Administracións a sectores económicos moi castigados pola crise. Agardamos a ver como se materializan esas axudas e, igual que fixemos no ano 2020 co bono Sempre Carballo, suplementaremos a partida que figura no orzamento para axudar á hostalaría, que neste momento é o sector máis castigado, e aos sectores que o precisen”.

Axudas aos sectores que o precisen

No orzamento, ademais de incrementar ata 189.000 euros (127.550 máis que o ano pasado) a partida anual de axudas ás empresas locais, que será suplementada se é preciso, tamén se abre un fondo simbólico de 1.000 euros para posibles convenios coa Xunta e/ou a Deputación Provincial de liñas de axuda á hostalaría e outros sectores económicos, e que se ampliará nas porcentaxes que se acorden con esas Administracións.

Nesa mesma liña de axuda aos sectores económicos e ás familias, non se modifica ningunha taxa agás para rebaixala, como e o caso do lixo comercial para varios sectores, ou suprimila, como a de terrazas. Co mesmo obxectivo, por exemplo, increméntanse ata 120.000 euros (máis dun 70%) as axudas a particulares para atender as novas situacións de emerxencia social que poidan presentarse; destínanse 300.000 euros ao co-financiamento dos servizos das escolas infantís, o centro de día e o xantar sobre rodas. E mantéñense as colaboracións con Vieiro e Cáritas.

O peso que a crise sanitaria ten no orzamento do 2021 reflíctese en varios capítulos de gastos. “O que máis se resinte é o de investimentos, que se minora en case medio millón de euros, porque neste contexto entendemos que a saúde, e tamén a economía local, teñen que ser a prioridade”, sinalou o alcalde. Polo mesmo motivo, aumentan os gastos en bens correntes e servizos para procurar, asegurar e garantir unhas condicións de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte ao COVID-19 en espazos de convivencia e con responsabilidade municipal, nomeadamente nos centros escolares, nos que o gasto en limpeza aumenta máis dun 200% ao pasar dos 130.000 euros orzamentados no 2020 aos 402.748 consignados para este ano. A dotación de material sanitario, ou incremento do gasto no servizo externo de axuda no fogar, que supera o millón de euros, contribúen ao medre do capítulo 2 de gastos.

Descargas

Compartir: