Inicio Carballo ao día Novas A comisión de seguimento da COVID-19...

O NÚMERO DE CASOS ACTIVOS SITÚASE XA EN 392

A comisión de seguimento da COVID-19 adoptou novas medidas de prevención ante a preocupante escalada dos contaxios

A Policía Local recuperará o sistema de quendas que utilizou durante o estado de alarma e reforzará o control sobre o cumprimento da normativa

Xoves 28 de xaneiro do 2021

A comisión de seguimento reuniuse hoxe

A comisión de seguimento reuniuse hoxe

A comisión de seguimento da COVID-19 celebrou hoxe unha xuntanza para avaliar as novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia para intentar frear o avance da enfermidade. “Estamos nunha situación de máxima emerxencia sanitaria, con risco de colapso do sistema sanitario, e a área sanitaria A Coruña-Cee é a que peor está”, manifestou o alcalde, Evencio Ferrero.

Hoxe no noso concello acadamos un novo récord, con 392 casos activos, segundo os datos remitidos polo Sergas. Ante o incremento dos contaxios tan preocupante que se está a producir nos últimos días, xa que temos 160 casos activos máis que hai unha semana, o goberno municipal propuxo a adopción dunha serie de medidas que contan co aval da comisión de seguimento, e que son as seguintes:

  • Para preservar a saúde dos/as axentes e garantir o servizo á cidadanía, a Policía Local traballará en grupos burbulla e recuperará o sistema de organización que xa se utilizou durante o estado de alarma. Deste xeito, haberá dúas quendas diarias de traballo, unha de día e outra de noite, e extremaranse as medidas de control e hixiene tanto nas dependencias coma nos vehículos policiais.
  • Dado que non existen indicacións noutro sentido por parte da Administración competente, no noso concello manteranse feiras e mercados, coas medidas de distanciamento e prevención esixibles, posto que a alimentación é un servizo esencial e a actividade comercial pode realizarse ata as 18.00 horas. Aínda que, por mor dos peches perimetrais, a afluencia tanto de compradores/as coma de vendedores/as é moito menor do habitual, a Policía Local reforzará o control para evitar a afluencia de persoas doutros concellos e tamén a formación de grupos de persoas non conviventes.
  • O Mercado Municipal tamén modificará o seu horario para contribuír a que se produza unha menor mobilidade, como tamén se fixo no mes de marzo, de xeito que abrirá de maneira ininterrompida ata as 15.00 horas.
  • Seguindo tamén as indicacións da Xunta de Galicia, o Concello de Carballo procedeu ao peche de instalacións deportivas e culturais, bibliotecas, oficina de turismo, centros sociais... Dada a elevadísima incidencia do coronavirus no noso concello, e conscientes de que o principal obxectivo debe ser a preservación da saúde e a redución dos contaxios, aos citados equipamentos sumaranse tamén os parques de xogos e as pistas multideporte para intentar reducir aínda máis as posibilidades de contacto e, polo tanto, de propagación da enfermidade. Dende o Concello de Carballo recoméndase a práctica de actividades ao aire libre en espazos abertos pero sempre de forma individual ou coas persoas da mesma unidade de convivencia, como manda a normativa actual.
  • Dado que os prazos administrativos non están suspendidos, e a tramitación do plan especial de Arnados (Razo) segue o seu curso, o servizo de atención aos veciños e veciñas afectados manterase nas mesmas condicións que ata agora, con cita previa e atención individualizada.

A comisión de seguimento da COVID-19 volverá a reunirse a semana que vén.

Compartir: