Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo opta aos fondos europeos Next Generation...

O INVESTIMENTO ACADA OS 11,6 MILLÓNS DE EUROS

Carballo opta aos fondos europeos Next Generation EU para axilizar a execución dos plans especiais de Arnados e Pedra do Sal

O alcalde, a concelleira de Planificación e os concelleiros de Medio Ambiente e Innovación presentaron a candidatura, unha das primeiras de Galicia

Xoves 31 de decembro do 2020 Carballo ao día

Miguel Vales, Iván Andrade, Evencio Ferrero e Milagros Lantes

Miguel Vales, Iván Andrade, Evencio Ferrero e Milagros Lantes

Coincidindo coa publicación da aprobación inicial do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións de Arnados-Razo, que pode consultarse xa en www.carballo.gal, o goberno municipal de Carballo fixo pública a candidatura do noso concello aos fondos europeos Next Generation EU, que inxectarán 750.000 millóns de euros na economía dos estados membros para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia provocada pola COVID-19. Carballo pretende xestionar 11,6 millóns de euros, unha parte insignificante do total, pero que, sen embargo, tería unha importancia excepcional para o noso concello, posto que permitiría financiar a totalidade das actuacións previstas dentro dos plans especiais de Arnados e Pedra do Sal, ademais de recortar significativamente os prazos de execución das infraestruturas e os servizos programados.

A candidatura foi presentada polo alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, e os concelleiros de Medio Ambiente e Innovación, Miguel Vales e Iván Andrade, respectivamente. A posibilidade de recortar os prazos de desenvolvemento dos plans parciais que permitirán ordenar o noso litoral foi un dos aspectos destacados polo alcalde, que xa anticipou que o goberno municipal ten a decisión de seguir optando a fondos europeos, tanto para os proxectos de Arnados e Pedra do Sal, se a candidatura ao programa Next Generation EU non sae adiante, coma para outros.

Milagros Lantes: "Urbanisticamente debe ser unha peza clave neste mandato, porque o litoral é moi importante para Carballo. O noso obxectivo é desenvolver os plans especiais nos prazos previstos, pero se podemos axilizalos, moito mellor"

Milagros Lantes explicou que a elaboración dos plans especiais era un compromiso adquirido no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e que o goberno municipal está a cumprir. Nestes momentos está aprobado de maneira definitiva o estudo de detalle da fachada marítima de Razo, e de maneira inicial o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións de Arnados, e avanzou ademais que tamén está “moi avanzado para a aprobación inicial” o plan especial de Pedra do Sal. “A ordenación do litoral, urbanisticamente, debe ser unha peza clave neste mandato, porque o litoral é moi importante para Carballo. O noso obxectivo é desenvolver os plans especiais nos prazos previstos, pero se podemos axilizalos, moito mellor, porque canto antes organicemos, planifiquemos e ordenemos a costa será mellor”, indicou a concelleira.

Á importancia medioambiental da franxa costeira referiuse o concelleiro de Medio Ambiente, ademais de aludir á “visibilidade” que ten cara o exterior dende o punto de vista turístico.

Iván Andrade, que pola súa profesión é experto en fondos europeos, explicou a orixe e as particularidades do programa Next Generation EU, que se desenvolverá a través de dous instrumentos principais: o REACT EU, do que España recibirá preto de 12.400 millóns de euros, e o Mecanismo para a Recuperación e a Resilencia (MRR), no que a achega para España aumenta ata 60.000 millóns de euros. Desta partida pretende conseguir o Concello de Carballo os 11,6 millóns de euros para o desenvolvemento dos plans especiais de Arnados e Pedra do Sal, xa que, na opinión do concelleiro de Innovación, encadrarían perfectamente entre os obxectivos establecidos por Europa.

O proxecto foi remitido xa á Consellería de Facenda da Xunta, que é o primeiro filtro, pero o goberno municipal de Carballo está á espera tamén da apertura unha canle directa de tramitación por parte do Goberno do Estado. Unha das particularidades dos fondos Next Generation EU é que o procedemento será moi rápido, xa que en abril deberían coñecerse os proxectos seleccionados e a finais do ano 2023 deberían estar executados.

Compartir: