Inicio Carballo ao día Hemeroteca A reposición das vías afectadas...

A reposición das vías afectadas completa as obras para estender o saneamento a 25 vivendas da parroquia de Artes

Remataron xa as obras de pavimentación con cemento da pista de acceso ao edificio do centro social e a escola e o aglomerado da vía do Xamozo a Santa María de Ardaña

Luns 28 de decembro do 2020 Carballo ao día

Imaxe dunha visita realizada durante as obras de saneamento

Imaxe dunha visita realizada durante as obras de saneamento

Aínda que este ano non puidemos celebrar consellos parroquiais, dende o Concello de Carballo seguimos a atender as demandas emanadas destes órganos de participación veciñal, que agardamos que a situación sanitaria nos permita volver a convocar o antes posible. Na parroquia de Artes establecéranse tres actuacións prioritarias que xa son unha realidade: a ampliación da rede de saneamento, que só está pendente da reposición das vías afectadas; a pavimentación con cemento da pista de acceso ao edificio do centro social e a escola e o aglomerado da vía do Xamozo a Santa María de Ardaña.

Zona pavimentada xunto ao local social

Zona pavimentada xunto ao local social

A empresa Vázquez y Reino completou xa o despregue de máis de 2.500 metros de rede que permitirán estender o servizo de saneamento a 25 vivendas dos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar. A actuación, que supón un investimento de 199.884,67 euros, está pendente agora da reposición das vías afectadas.

Aglomerado de Xamozo a Santa María de Ardaña

Aglomerado de Xamozo a Santa María de Ardaña

A ampliación da rede de saneamento era a gran demanda da veciñanza de Artes xunto coa pavimentación da pista de Choias, que da acceso ao edificio no que se sitúan o renovado centro social e a escola unitaria. Esta actuación tamén é unha realidade, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Mobilidade, Juan Seoane. As obras formaron parte dun proxecto de pavimentación con cemento de tres espazos singulares: a pista de Choias, o campo da festa de Oza e a contorna da igrexa parroquial de Rus, cun investimento total de 281.022,50 euros.

Na parroquia de Artes tamén se acometeu nas últimas semanas o aglomerado da vía de Xamozo a Santa María, que é utilizada polo transporte escolar e que agora ten unha anchura media de 6 metros ao longo dos máis de tres quilómetros que unen as parroquias de Artes e Ardaña. A actuación, que tamén inclúe a sinalización horizontal e vertical, acada os 204.006 euros de investimento.

Compartir: