Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Igualdade e Benestar...

AS MÁSCARAS SON HOMOLOGADAS, REUTILIZABLES E FABRICADAS EN CARBALLO

A Concellaría de Igualdade e Benestar distribúe máis de 2.500 máscaras entre todo o alumnado de infantil e primaria

Tras o reparto realizado en novembro, dentro da campaña “Contra as violencias”, este Nadal seguimos “Construíndo igualdade” dende a infancia

Venres 18 de decembro do 2020 Carballo ao día

Daniel Díaz Rama, coa primeira máscara reutilizable para nenos e nenas

Daniel Díaz Rama, coa primeira máscara reutilizable para nenos e nenas

A Concellaría de Igualdade e Benestar de Carballo iniciou esta semana a distribución de máis de 2.500 mascarillas, homologadas, reutilizables e fabricadas en Carballo, entre todo o alumnado de infantil e primaria. Grazas á colaboración dos centros escolares, agardamos que as máscaras cheguen a todos os nenos e nenas do noso concello antes das vacacións de Nadal.

Con esta iniciativa, a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, pretende que, ademais dunha función sanitaria imprescindible nestes momentos, as máscaras tamén teñan un dobre obxectivo social: por unha banda, reducindo o gasto que as familias teñen que realizar para poder dotar aos nenos e nenos da protección necesaria fronte á COVID-19, e, por outra, utilizando ese elemento tan visible para difundir mensaxes que permitan crear conciencia contra as desigualdades xa dende a infancia.

Despois do reparto realizado en novembro de máscaras co lema “Contra as violencias”, nas que se están a distribuír entre os máis pequenos e pequenas figura “Construíndo igualdade”, xunto con dúas pezas de crebacabezas. A primeira entregoulla este venres o alcalde, Evencio Ferrero, ao novísimo piloto de motocross Daniel Díaz Rama, durante a recepción que lle ofreceu despois de que se proclamase campión de Castela e León na categoría alevín. Con só 8 anos, Dani quixo converterse na imaxe desta nova campaña.

Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar, unha vez máis, facemos un chamamento á sociedade carballesa para que nos traslade calquera situación de necesidade que poida sufrir directamente ou da que teña constancia, e será atendida de maneira confidencial. O teléfono 981 704 706 está á vosa disposición.

Compartir: