Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo habilita un punto de...

O Concello de Carballo habilita un punto de recollida libre de material estruturante para composteiros individuais

Continúa aberto o prazo de solicitude para a campaña de reparto de composteiros que temos en marcha na zona rural

Luns 14 de decembro do 2020 Carballo ao día

O Concello de Carballo vén de acondicionar xunto ao punto limpo, no polígono industrial de Bértoa, un punto de acopio de material estruturante ao que poden acudir, libremente, as persoas usuarias do programa municipal de compostaxe doméstica. Con esta iniciativa trátase de facilitar o labor da compostaxe a familias que carecen de recursos na súa parcela para realizar o aporte de materia seca que precisa o composteiro.

Precisamente nestes momentos temos en marcha unha nova campaña de reparto de composteiros individuais. Serán un total de 150, que se sumarán aos 392 que se atopan xa a pleno rendemento nas distintas parroquias do noso concello. O único requisito para sumarse é dispoñer dunha parcela de 50 metros cadrados, como mínimo.

As persoas interesadas só teñen que descargar o impreso que atoparán ao final desta nova e presentalo, debidamente cuberto, no Rexistro Municipal (con cita previa no 981 704 100) ou no Rexistro Telemático, ao que se accede dende a páxina web www.carballo.gal.

O Concello de Carballo segue apostando pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión da denominada quinta fracción dos residuos, ao tempo que facilita ás familias da zona rural a utilización dun abono de calidade nas hortas domésticas.

Ligazóns

Compartir: