Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno local reuniuse co sector da...

O goberno local reuniuse co sector da hostalaría para avaliar as novas restricións e informar sobre as axudas aprobadas en pleno

A comisión de seguimento da COVID-19, que tamén celebrou hoxe unha xuntanza, acordou manter todas as medidas vixentes

Xoves 3 de decembro do 2020 Carballo ao día

A xuntanza da comisión de seguimento da COVID-19 celebrouse pola mañá

A xuntanza da comisión de seguimento da COVID-19 celebrouse pola mañá

A raíz das novas restricións que entrarán en vigor a partir das 24.00 horas de hoxe, o alcalde de Carballo convocou aos membros da comisión de seguimento da COVID-19 para analizar o novo escenario que se abre no noso concello, no que a Xunta de Galicia vén de establecer o nivel máis alto de restricións.

Neste sentido, os integrantes da comisión decidiron manter todas as medidas vixentes, incluídos a celebración das feiras co 50% de ocupación e o peche dos parques infantís. En función da evolución da situación epidemiolóxica, e da decisión que adopte a Consellería de Sanidade, esas medidas volverán a revisarse a vindeira semana, xa que este domingo non coincide con feira e o comité clínico da Xunta de Galicia volverá a reunirse o mércores 9.

Ademais do peche perimetral conxunto coa Laracha, as medidas que entrarán en vigor a partir das 24.00 horas inclúen a apertura das terrazas de hostalaría ao 50% da súa capacidade e con catro persoas, conviventes ou non, como máximo por mesa.

Pola tarde celebrouse unha xuntanza cos hostaleiros

Pola tarde celebrouse unha xuntanza cos hostaleiros

A este respecto, o goberno local mantivo esta mesma tarde unha xuntanza con membros da xunta directiva da Asociación de Hostalaría na que se abordaron as posibles repercusións para o sector. Os hostaleiros preguntaron polos criterios utilizados pola Xunta para aplicar as máximas restricións en Carballo e A Laracha, mentres que noutros concellos con maior incidencia do coronavirus haberá menos. Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como os concelleiros presentes na xuntanza, Xosé Regueira, de Promoción Económica, e Juan Seoane, de Seguridade, Feiras e Mercados, coincidiron en que “non se entenden” as medidas aplicadas, que, en palabras do alcalde, supoñen “unha decisión fatal para a hostalaría pero tamén para o comercio”, xa que non poderán comprar en Carballo os veciños de ningún concello da volta agás o da Laracha.

Os representantes municipais tamén informaron ao sector sobre os acordos adoptados no pleno ordinario deste luns, que supoñen a exención do pago da taxa de terrazas no ano 2021, por segundo ano consecutivo, e a aplicación dun sistema conxunto de redución da taxa e subvención de ata o 100% do lixo comercial para os sectores hostaleiro, hoteleiro e turístico en xeral.

A maiores, dende o Concello de Carballo impulsáronse outras liñas de axuda directa ao comercio, a hostalaría, autónomos/as e pemes en xeral, tanto a través da tarxeta Sempre Carballo como do programa PEL Reactiva. Carballo foi o concello de toda a provincia no que máis solicitudes se presentaron, xa que se superaron as 600. Xosé Regueira, que ademais de concelleiro é vicepresidente da Deputación, anunciou que está previsto facer efectivas as axudas xa no mes de marzo.

Ligazóns

Compartir: