Inicio Carballo ao día Hemeroteca O conselleiro de Sanidade reuniuse cos alcaldes...

O conselleiro de Sanidade reuniuse cos alcaldes dos concellos de Bergantiños e Soneira ante o avance da COVID-19 na zona

Carballo pasou de 52 a 126 casos na última semana, mentres que no conxunto dos dez concellos aumentaron os casos activos de 370 a 562

Xoves 12 de novembro do 2020 Carballo ao día

As xuntanzas telemáticas repetiranse todos os xoves

As xuntanzas telemáticas repetiranse todos os xoves

Todo indica que o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia en materia de COVID-19 adoptará mañá venres novas medidas para intentar frear o avance da enfermidade polas comarcas de Bergantiños e Soneira, xa que nesta área xeográfica rexistrouse un incremento de 192 casos na última semana. O número de contaxios pasou de 370 a 562, segundo os datos ofrecidos polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na xuntanza telemática que mantivo hoxe cos alcaldes e alcaldesas dos dez concellos: Carballo, A Laracha, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Zas, Camariñas e Vimianzo.

En Carballo o número de casos positivos incrementouse dende os 52 da semana pasada aos 126 rexistrados onte. Tamén corresponden ao mércores 11 os datos sobre número de casos nos centros educativos que publica a Consellería de Educación no portal de transparencia da Xunta: Aspaber, 1; CEIP Gándara-Sofán, 1; CEIP Fogar, 22; CEIP Xesús San Luís Romero, 1; CRA Ponte da Pedra, 2; IES Alfredo Brañas, 5; IES Isidro Parga Pondal, 3, e IES Monte Neme, 1.

Precisamente, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, insistiu na relevancia de que os concellos dispoñan de datos actualizados a diario, tanto porque é unha demanda constante da poboación como pola importancia de atender coa maior celeridade as necesidades que poidan xurdir en cada momento. O xerente da Área Sanitaria A Coruña-Cee, Luis Verde Remeseiro, indicou que se ofrecerá máis información.

Evencio Ferrero cualificou como “altamente preocupante” a tendencia á alza que se está a rexistrar tanto no noso concello coma no resto da comarca, agás A Laracha. Ademais do incremento de casos activos, nas comarcas de Bergantiños e Soneira hai dende onte 16 novos hospitalizados, polo que o alcalde considera como “moi probable que se tomen medidas especiais nestas comarcas”.

En principio, o conselleiro volverá a reunirse cos concellos da zona o vindeiro xoves.

Compartir: