Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada a concesión de subvencións...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobada a concesión de subvencións a 29 entidades culturais por importe de 46.986,74 euros

Na sesión de hoxe foron adxudicadas por case 150.000 euros as obras para estender a rede de abastecemento de auga nas parroquias de Oza e Goiáns

Luns 9 de novembro do 2020 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza deste luns a concesión de subvencións a un total de 29 entidades culturais por un importe de 46.986,74 euros. A distribución das axudas é a seguinte: A. C. Arume, 3.974,41 euros; A. C. O Candil, 3.081,30; A. C. Mestra Carmen Cancela, 1.155,25; A. C. San Campio de Cances, 3.750; A. Mulleres Rurais de Sofán, 601; Centro Social San Xoán Bautista, 913,20; A. Pais Católicos San Xoán Bautista, 654,50; A. Santiago Apóstol de Sísamo, 1.678,26; A. X. Arume, 2.722; C. I. M. A Xanela, 668,25; A. X. Fogar da Xuventude, 650; Asociación da 3ª Idade San Xoán Bautista, 652,50; Comité de Irmanamento con L’Isle Jourdain, 1.039,34; Coral Polifónica de Bergantiños, 3.061,50; Coro Aires de Bergantiños, 908,45; A. C. Nemeth, 2.054,77; A. C. Coro Vagalume, 3.618,03; A. D. C. R. Baldaio, 1.871,61; A. C. V. A Fonte Salgueira, 1.792,25; A. Ambiental Senda Nova, 2.299,70; A. Instituto de Estudos Bergantiñáns, 700; A. VV. A Torre Vixía, 1.021,76; A. D. R. C. San Martín de Razo, 1.342; A. VV. Santa María de Ardaña, 2.752,44; A. C. Lumieira, 600; Coral Ribeiras do Anllóns, 758; A. VV. San Salvador de Sofán, 903,17; Escola do Alprende, 1.083,05, e Padroado Fogar de Bergantiños, 680 euros. O Concello de Carballo subvenciona deste xeito os programas de actividades desenvolvidos ao longo do ano 2019 e a organización das cabalgatas de Reis. Só foi rexeitada unha das 30 solicitudes recibidas por non acadar a puntuación mínima establecida.

Ademais das subvencións a entidades culturais, fóra da orde do día tamén foron aprobados os convenios coa Asociación de profesionais da dirección e a realización de Galicia (CREA) e a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) para o Festival Carballo Interplay, que se celebrará este mes.

Adxudicación de obras

A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou varias obras e subministros:

  • Dentro do proxecto Cicl-Ando Carballo, a actuación de mellora do carril bici das rúas Poñente, Fábrica e Avenida de Malpica será executada pola empresa Excavaciones y Obras Candal por un importe de 163.713,62 euros.
  • Con cargo aos fondos do POS+ 2020, tamén foi adxudicado o contrato das obras de ampliación da rede de abastecemento aos núcleos de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns), que será executadas pola empresa Gestión y Técnicas del Agua por un importe de 149.418,07 euros.
  • Tamén foi adxudicado á firma Gestan Medioambiental o subministro de pellets para a calefacción de diversos edificios municipais, por un prezo de 229 euros por tonelada (sen IVE).
En materia de contratación, ademais, declarouse deserto o procedemento de contratación das obras de reurbanización da rúa Tarragona e abriuse un novo expediente de contratación por importe de 65.200,11 euros.

Medidas anti-COVID

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a modificación dos contratos do servizo de limpeza dos colexios e escolas de infantil e primaria en aplicación do protocolo de medidas de prevención da COVID-19, o que suporá un incremento do custo de 8.938,97 euros ao mes, e que inclúe o compromiso por parte do Concello de Carballo do seu mantemento todo o tempo que sexa necesario.

Por outra banda, o Concello de Carballo tamén saca a licitación a adquisición de máscaras cirúrxicas por un prezo unitario máximo de 0,40 euros máis IVE, cun orzamento total de 9.680 euros.

Outros acordos

Na sesión deste luns tamén foron aprobadas as bases e a convocatoria dunha praza de enxeñeiro/a técnico/a de acceso libre, que se cubrirá polo sistema de concurso-oposición, e 5 de administrativo/a de Administración Xeral, por promoción interna, tamén polo sistema de concurso-oposición.

Así mesmo, a Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo á modificación do protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero e á aprobación do convenio entre o Ministerio do Interior e o Concello para a incorporación da Policía Local ao sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Viogen).

A concesión dunha subvención nominativa por importe de 1.500 euros á Agrupación Deportiva Carballo para o financiamento do campionato de liga de fútbol sala, facturas por importe de 33.653,85 euros, devolución de fianzas e licenzas urbanísticas completaron a sesión.

Compartir: