Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto do 7 ao 25 de novembro o prazo de...

CONSULTA AQUÍ TODA A INFORMACIÓN

Aberto do 7 ao 25 de novembro o prazo de solicitude de axudas do programa PEL Reactiva para autónomos e microempresas

O importe das subvencións poderá oscilar entre 1.500 e 3.000 euros en función dunha serie de criterios establecidos nas bases da convocatoria

Venres 6 de novembro do 2020 Carballo ao día

A partir das 00.00 horas do día 7 e ata as 14.00 horas do 25 de novembro estará aberto o prazo de solicitude das subvencións do programa PEL Reactiva, un fondo de financiamento para a reactivación económica da provincia da Coruña que ten como obxecto dotar de liquidez ás persoas autónomas e microempresas, e que no caso do noso concello está dotado con 550.578,18 euros.

Poderán acceder ás axudas aquelas persoas autónomas e microempresas que reúnan algún destes requisitos:

  • Que se visen afectadas polo peche como consecuencia da declaración do estado de alarma de marzo
  • Que visen reducida nun 75% a súa facturación no segundo trimestre fiscal en comparación coa media do semestre anterior.
  • Que se visen na obriga de acollerse a un ERTE.

O importe das axudas será fixo, e pode ir dende os 1.500 ata os 3.000 euros en función dunha serie de criterios establecidos nas bases, que poden consultarse máis abaixo.

Están considerados gastos subvencionables todos aqueles que fosen realizados dende o 1 de marzo ata o 31 de decembro en compra de material antiséptico ou desinfectante, arrendamentos de maquinaria, vehículos, locais ou instalacións; adaptación de locais ás medidas de protección fronte á COVID-19; seguros e subministracións e auga, electricidade ou combustibles. O IVE non se considera gasto subvencionable.

As axudas do programa PEL Reactiva son compatibles con calquera outra sempre que o importe das subvencións non supere o custo total dos gastos subvencionables e ata un máximo de 40.000 euros.

As solicitudes tramitaranse, exclusivamente, por vía telemática, a través da Sede Electrónica e utilizando o formulario dispoñible na propia sede.

Ligazóns

Compartir: