Inicio Carballo ao día Hemeroteca En só dous anos substituímos case 5...

En só dous anos substituímos case 5 quilómetros de tubaxes de fibrocemento e reducíronse un 26% as avarías na rede de auga

Aínda que só un 16% das canalizacións que se utilizan para o abastecemento no casco urbano son de fibrocemento, están presentes en todos os barrios

Sábado 24 de outubro do 2020 Carballo ao día

Captación do río Bardoso

Captación do río Bardoso

Ademais dos proxectos de extensión da rede pública de abastecemento de auga como o que vimos de executar nas parroquias de Oza e Razo ou os que temos xa en contratación para ampliar o servizo ata Lema, por un lado, e Xoane, polo outro, dende o Concello de Carballo estamos a traballar na mellora do servizo dende unha perspectiva integral. O Proxecto Anllóns-Bardoso, no que realizamos un investimento de máis de 4 millóns de euros, marcou un antes e un despois, e permitiunos iniciar o proceso de universalización do abastecemento de auga segundo as prioridades marcadas no plan director do ano 2014.

Dun xeito paralelo, o Concello de Carballo e a empresa concesionaria do servizo integral da auga, Gestagua, vimos introducindo unha serie de melloras que permiten reducir as incidencias na rede de abastecemento e mellorar a calidade da auga, e que se articulan arredor de tres grandes áreas de actuación: a modernización da rede, eliminando progresivamente o fibrocemento; a sectorización, que facilita o control e a resolución das avarías, e a monitorización e automatización das instalacións.

1. MODERNIZACIÓN DA REDE

A renovación das canalizacións está a experimentar un importante avance. Dende o ano 2015 foron eliminados case 7 quilómetros de rede de fibrocemento na zona urbana, 5 deles nos últimos dous anos. Isto foi posible grazas a que en todos os proxectos de obras viarias inclúese a instalación ou renovación de todos os servizos urbanísticos. Deste xeito, nestes momentos quedan en Carballo pouco máis de 28 quilómetros de tubaxes de fibrocemento, o que representa un 16% do total da rede urbana, que acada os 171,3 quilómetros. Malia ser minoría, as vellas tubaxes de fibrocemento están presentes en todos os barrios, polo que poden producirse roturas puntuais en distintos puntos.

A modernización da rede, xunto con actuacións máis sinxelas, como a renovación de válvulas ou pequenos treitos de rede, permitiron que nos últimos dous anos se reducisen un 26% as avarías, segundo os datos facilitados pola empresa concesionaria do ciclo integral da auga, Gestagua.

2. SECTORIZACIÓN DA REDE

As tubaxes que se están instalando nas actuacións urbanas soportan ata 16 quilos de presión, mentres que o fibrocemento aguanta 6 nas mellores condicións. Por iso tamén resulta de especial importancia a sectorización da rede, unha medida implementada por Gestagua que proporciona un servizo máis constante aos fogares ao estabilizar a presión, permite reducir consumos, optimizar o subministro grazas ao mellor coñecemento da rede, mellorar o mantemento preventivo e axilizar a resolución de incidencias ou controlar os caudais.

3. MONITORIZACIÓN E AUTOMATIZACIÓN

A importancia da tecnoloxía para optimizar o funcionamento do servizo tamén se reflicte outra das melloras importantes realizadas por Gestagua, que consistiu na implantación dun sistema de telecontrol para a estación de tratamento de auga potable (ETAP), os depósito de auga do Añón, Seixo Branco e polígono de Bértoa, os contadores de sectorización, os tres grupos de presión de Xoane, Paraíso e Oza, as reguladoras de presión e os analizadores de cloro en continuo na rede. Ademais de mellorar a eficacia e a seguridade na explotación, este sistema reduce os tempos de interrupción e mellora a calidade do servizo á cidadanía.

Xunto a estas tres grandes actuacións, nas próximas semanas procederase á posta en marcha na ETAP dun sistema de tratamento con gas ozono, que permitirá reducir o uso de cloro, o que redundará nunha mellora do olor e do sabor que percibirán directamente os veciños e veciñas nos seus fogares.

Compartir: