Inicio Carballo ao día Hemeroteca O acceso ao cemiterio municipal estará...

EN CUMPRIMENTO DAS MEDIDAS DE PREVENCIÓN DA COVID-19

O acceso ao cemiterio municipal estará controlado durante as celebracións de Defuntos para evitar aglomeracións

As tradicionais misas do 1 e 2 de novembro celebraranse na igrexa parroquial, na que non poderá superarse o 50% de capacidade

Xoves 22 de outubro do 2020 Carballo ao día

Na xuntanza participaron o concelleiro de Seguridade, o alcalde, o xefe da policía e o párroco

Na xuntanza participaron o concelleiro de Seguridade, o alcalde, o xefe da policía e o párroco

As novas medidas de prevención da COVID-19 que entraron en vigor ás 00.00 horas deste xoves, e que terán unha vixencia mínima de 14 días, obrigan a establecer condicións especiais de acceso ao cemiterio municipal durante as celebracións de Defuntos. Hoxe mesmo celebrouse unha xuntanza na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane; o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, e o párroco de Carballo, José García Gondar, e na que se adoptaron os seguintes acordos:

  • Solicitar a colaboración cidadá para que as visitas ao cemiterio municipal ao longo da semana que vén se realicen de forma escalonada e para que se limite o tempo de estancia no recinto, dado que, segundo as novas condicións establecidas pola Xunta de Galicia, a ocupación será como máximo do 50%. Neste sentido, tanto dende o Concello como dende a parroquia recoméndase non agardar á fin de semana para acudir a levar as flores.
  • As tradicionais misas dos días 1 e 2 de novembro non se celebrarán no cemiterio, senón na igrexa municipal. Os horarios serán os habituais: o día 1, ás 17.00 horas, e o día 2, ás 11.00 horas. O aforo da igrexa está limitado tamén ao 50%.
  • Na fin de semana de Defuntos estará controlado o acceso ao cemiterio municipal por efectivos de Protección Civil para evitar aglomeracións.
  • No camposanto habilitarase unha porta de entrada e outra de saída, que estarán debidamente sinalizadas, para evitar contactos.
  • O dispositivo de tráfico que se establecía todos os anos na contorna do cemiterio queda anulado ao non celebrarse os tradicionais oficios relixiosos.

Dende o Concello de Carballo e dende a parroquia de San Xoán Bautista agradécese a colaboración e a comprensión da cidadanía con estas medidas, coas que todas e todos podemos contribuír na loita contra o coronavirus.

Compartir: