Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sae a contratación un proxecto de 275.000...

Sae a contratación un proxecto de 275.000 € para completar as redes de abastecemento e saneamento na parroquia de Berdillo

Nestes momentos temos en marcha en varias parroquias proxectos do ciclo integral da auga por máis de 2,8 millóns de euros

Martes 6 de outubro do 2020 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Milagros Lantes achegáronse ata Entrecruces

Evencio Ferrero e Milagros Lantes achegáronse ata Entrecruces

O goberno local aprobou na súa última xuntanza o expediente de contratación das obras de saneamento e abastecemento aos lugares do Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, coas que daremos servizo a un total de 32 vivendas e completaremos as redes na parroquia de Berdillo. O investimento acada os 275.000 euros, e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 27 deste mes.

Nestes momentos temos en marcha obras hidráulicas por máis de 2,8 millóns de euros. Nos próximos días serán adxudicadas, tras a reunión da mesa de contratación, outras dúas actuacións:

Ampliación das redes de saneamento e abastecemento no lugar de Vella Morta

  • Orzamento: 125.400,09 euros
Esta obra permitirá dar servizo ás vivendas situadas na estrada Carballo-Razo e renovar un treito que está moi deteriorado. En total instalaranse 525 metros de rede e 14 pozos de rexistro, así coma un bombeo. As obras tamén inclúen a rede de abastecemento de auga, en dous ramais de 443 e 14 metros de lonxitude ao longo da estrada provincial, e tamén unha boca de rego.

Abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus)
  • Orzamento: 323.203,69 euros
As actuacións propostas benefician a unha poboación de 474 habitantes no horizonte do ano 2030, xa que o proxecto permitirá abastecer de auga potable a través dunha rede pública os lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa. En total instalaranse 8.635 metros de tubaxes.

EN EXECUCIÓN

Abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo

  • Prezo de adxudicación: 1.226.456 euros
  • Empresa: Vázquez y Reino
O abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo é a obra de maior contía acometida na historia do Concello de Carballo sen axuda de ningunha outra administracións.  A rede, que está practicamente lista, chega a Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados, na parroquia de Razo, e a Vilar do Carballo, As Encrucilladas, Oza Vella, As Torres e o Rodo, na de Oza.

Saneamento de Taboada e A Granxa (Entrecruces)
  • Prezo de adxudicación: 231.080,81 euros
  • Empresa: Excavaciones y Obras Candal       
O proxecto está practicamente listo, como puideron comprobar hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, nunha visita ás obras. A actuación incluíu a instalación de 846 metros de canalización e 26 pozos de rexistro en Taboada, mentres que na Granxa colocáronse 822 metros de rede, 35 pozos e un bombeo. En ámbolos dous casos están a facerse as reposicións correspondentes nas vías afectadas, como se pode apreciar na imaxe.  

Saneamentos en Lema, Oza e Razo
  • Prezo de adxudicación: 188.881 euros
  • Empresa: Vázquez y Reino
Arrincaron xa os traballos para estender o servizo de saneamento aos lugares de O Pinar e Pedra do Sal (Lema), xa rematado; Vilar do Carballo (Oza) e Razo da Costa e Santa Mariña (Razo).

ADXUDICADAS

Saneamento A Piña-Evas (Sofán)

  • Prezo de adxudicación: 170.731 euros
  • Empresa: Vázquez y Reino
A obra, que arrincará en breve, inclúe a instalación de case tres quilómetros de rede entre os lugares de A Piña e Evas, na parroquia de Sofán.

Saneamentos en Betrís e Ribeira (Rus)
  • Prezo de adxudicación: 81.191 euros
  • Empresa: Vázquez y Reino
O proxecto de saneamento dos lugares de Betrís e Ribeira foi adxudicado na Xunta de Goberno Local desta semana. No lugar de Betrís instalarase unha rede de 463 metros e construiranse 15 pozos de rexistro. Na Ribeira serán 132 metros de tubaxes e 4 pozos, e ademais será preciso colocar un bombeo.

Saneamento dos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar (Artes)
  • Prezo de adxudicación: 199.884,67 euros
  • Empresa: Vázquez y Reino
O proxecto desenvolverase en tres treitos _de Altiboa a Vilar de Francos, de Vilar de Francos a Vilarvello e O Alto-Vilanova-Baltar_ o que suporá o despregue de máis de 2.500 metros de rede para levar o servizo a 25 vivendas.

Compartir: