Inicio Carballo ao día Hemeroteca En só dous días superamos as 7.000...

SOLICITUDES EN WWW.SEMPRECARBALLO.GAL

En só dous días superamos as 7.000 solicitudes da tarxeta-bono “Sempre Carballo”

As tarxetas serán enviadas pola entidade bancaria que as xestiona aos domicilios das persoas solicitantes que cumpran os requisitos

Xoves 17 de setembro do 2020 Carballo ao día

En só dous días superamos as 7.000 solicitudes da tarxeta-bono “Sempre Carballo”, destinada a todas as persoas maiores de idade con residencia en Carballo anterior ao 31 de xullo deste ano. Nas primeiras 24 horas practicamente se acadaron as 5.000 peticións.

O trámite é moi sinxelo. Só tes que entrar na páxina web www.semprecarballo.gal e cubrir un formulario cos teus datos persoais. É moi importante revisar ben os datos antes de envialos, xa que se están a detectar moitos erros nos enderezos electrónicos, así como enderezos físicos que non coinciden cos que figuran no padrón de habitantes. Cada usuario debe ter un correo electrónico diferente e válido, xa que será o sistema a través do cal se realizarán todas as notificacións relacionadas coa campaña.

As tarxetas serán enviadas aos domicilios que figuran no Padrón Municipal de Habitantes pola entidade bancaria que as xestiona, xunto coas instrucións precisas para activala e un saldo de 30 euros que poderás consumir en calquera dos 272 establecementos adheridos.

O prazo de solicitude está aberto ata o 15 de novembro, e os 30 euros poderán consumirse ata o 30 de novembro. O obxectivo do programa, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica, é revitalizar a economía local cunha inxección directa de 700.000 euros nas empresas carballesas e fomentar o consumo no propio concello.

Compartir: