Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo inviste case 800.000 euros...

O Concello de Carballo inviste case 800.000 euros en obras de aglomerado de vías estruturantes da zona rural

Evencio Ferrero vén de asinar o contrato coa empresa Vázquez y Reino para a execución da obra de mellora da estrada de Xoane ao Piñeiro, en Goiáns

Xoves 10 de setembro do 2020 Carballo ao día

Luis Lamas e Evencio Ferrero, en Prearada

Luis Lamas e Evencio Ferrero, en Prearada

O Concello de Carballo ten en marcha nestes momentos catro proxectos de mellora de vías que están consideradas estruturantes porque unen parroquias ou núcleos rurais importantes e que, polo tanto, están incluídas no plan de aglomerados. O investimento acada este ano os 786.630,69 euros, e abrangue as seguintes actuacións:

  • Xamozo (Artes)-Santa María (Ardaña)
  • Paradela-Prearada (Sofán)
  • Xoane-Piñeiro (Goiáns)
  • A Canosa (Rus)-Pereiro Vello (Entrecruces)

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron hoxe as dúas primeiras, nas que xa se realizaron os traballos de limpeza previos ao aglomerado.

Obra a obra

A vía de Xamozo a Santa María terá unha anchura media de 6 metros ao longo dos máis de tres quilómetros que unen as parroquias de Artes e Ardaña. O proxecto inclúe a dotación de rede de augas pluviais nun treito de 70 metros, drenaxe e estendido dunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, ademais do recrecido das tapas dos pozos, arquetas e sumidoiros, e a sinalización horizontal e vertical.

Entre os lugares de Paradela e Prearada está a realizarse unha actuación similar. As obras chegarán ata o límite co municipio da Laracha, e o ancho medio que se acadará con este proxecto será de 5,5 metros, o que supón unha ampliación de ata 1 metro nalgúns puntos. Nesta vía está prevista a instalación de rede de augas pluviais nun treito de 65 metros, ademais de realizar catro obras de drenaxe.

A próxima obra será a da estrada de Xoane ao Piñeiro, que foi adxudicadas á empresa Vázquez y Reino. Precisamente onte o alcalde asinou o contrato para a execución do proxecto, que permitirá regularizar o firme da vía, que terá unha anchura mínima de 5,5 metros, e a dotalo dunha nova capa de aglomerado en quente.

En canto á estrada da Canosa a Pereiro Vello, o vindeiro luns 14 remata o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Compartir: