Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o convenio de colaboración entre o...

Asinado o convenio de colaboración entre o Concello e Abanca para a xestión das tarxetas “Sempre Carballo”

Ata o día 10 está aberto o prazo de adhesión para empresas, e a partir do 15 poderán solicitarse as tarxetas a través da páxina web www.semprecarballo.gal

Luns 7 de setembro do 2020 Carballo ao día

Na sinatura tamén estivo a técnica municipal de promoción económica

Na sinatura tamén estivo a técnica municipal de promoción económica

Evencio Ferrero asinou hoxe o convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e Abanca para a emisión e a xestión da entrega das tarxetas “Sempre Carballo”, unha iniciativa consensuada coas entidades empresariais e coa que queremos contribuír á reactivación económica local a través de subvencións directas a todas as persoas maiores de 18 anos empadroadas no noso concello a data 31 de xullo deste ano.

Neste momento está aberto o prazo de adhesión para empresas que tivesen a súa actividade paralizada durante o estado de alarma e que dispoñan de TPV. Entre as inscritas figuran, por exemplo, 12 zapatarías, 4 clínicas dentais ou 5 centros de fisioterapia, porque a iniciativa está aberta a todo tipo de sectores e a empresas ou autónomos/as de todo o termo municipal. As interesadas poden sumarse á iniciativa ata o día 10 a través da páxina web www.semprecarballo.gal.

Neste mesmo enderezo de Internet poderán realizarse as solicitudes das tarxetas entre o 15 de setembro e o 15 de novembro, e o prazo para consumir os 30 euros de crédito estará aberto ata o 30 de novembro.

Mediante o convenio asinado hoxe, o Concello de Carballo remitirá semanalmente a Abanca un ficheiro coa relación das persoas que soliciten a tarxeta. A entidade bancaria dará as tarxetas de alta nos seus sistemas, encargarase da súa impresión e cargará os 30 euros de saldo. Así mesmo, encargarase de envialas directamente ás persoas beneficiarias aos seus domicilios. O prezo do servizo será de 2,5 euros para as primeiras 20.000 tarxetas emitidas, e as restantes, ata un máximo de 25.000 unidades, non terán custo para o concello.

Ligazóns

Compartir: