Inicio Carballo ao día Hemeroteca O acondicionamento da antiga escola completa a...

O acondicionamento da antiga escola completa a reforma integral do campo da festa de Aldemunde

O alcalde e o concelleiro de Obras achegáronse ata o lugar coincidindo co inicio das obras

Luns 7 de setembro do 2020 Carballo ao día

O colocación dun tellado novo é unha das melloras previstas

O colocación dun tellado novo é unha das melloras previstas

Tal como se acordara no Consello Parroquial de Aldemunde, o Concello de Carballo está a acondicionar o edificio da antiga escola para que poida ser utilizado como local social. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, achegáronse ata Aldemunde coincidindo co inicio das obras, que teñen un orzamento de 25.864,15 euros e que inclúen a renovación do tellado e das ventás, ademais do pintado do edificio, no que xa se construíu unha rampla de acceso dentro do proxecto de acondicionamento da praza.

Coa mellora da antiga escola, de feito, complétase a reforma integral do campo da festa, que fora unha das prioridades establecidas polo Consello Parroquial de Aldemunde. A actuación, que supuxo un investimento próximo aos 100.000 euros, incluíu a demolición dos muros exteriores e do vello palco da música e o acondicionamento do terreo para diminuír a pendente e poder incrementar as posibilidades de aproveitamento da praza, que agora é un espazo diáfano pavimentado con formigón e cunha zona verde na que empezan a medrar as árbores plantadas.

O obxectivo do Concello de Carballo é que a rede de centros sociais chegue a todas as parroquias. A única que carece dun equipamento deste tipo nestes momentos é a de Goiáns, onde tamén se estableceu coma unha prioridade polo Consello Parroquial, pero xa está aprobada de maneira definitiva a modificación urbanística do ámbito no que será construído e o próximo paso será a redacción do proxecto, consensuado co movemento asociativo da parroquia.

Compartir: