Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local adxudicou na xuntanza de...

A Xunta de Goberno Local adxudicou na xuntanza de hoxe obras e servizos por máis de 700.000 euros

Iniciado o expediente de contratación do servizo de roza das vías de todas as parroquias para os vindeiros cinco anos

Luns 31 de agosto do 2020 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local adxudicou na sesión ordinaria de hoxe unha serie de obras e servizos nos que se realizará un investimento de máis de 700.000 euros. Son os seguintes:

  • Contrato de subministro de calefacción con destino a diversas instalacións municipais. O lote 1, de subministro de achas, foi adxudicado á empresa Maderas Eucatar S.L., por un prezo unitario de 26 euros o metro cúbico. O lote 2, de subministro de pellets, quedou deserto por non presentarse ningunha empresa no prazo fixado.
  • Mellora da capa de rodaxe da vía de Xoane ao Piñeiro, na parroquia de Goiáns, incluída no Plan Único POS+. A actuación, que consiste no aglomerado da estrada que comunica os dous lugares, foi adxudicada á empresa Vázquez y Reino por 84.458 euros.
  • Contrato administrativo mixto de subministro e obras de conexión aérea de puntos de luz de tanto alzado a cadros de nova instalación no alumeado público das parroquias de Carballo, Bértoa, Sísamo, Noicela, Razo, Sofán, Aldemunde, Vilela e Xoane, que recaeu na empresa Técnica 4 Ingeniería y Montajes S.L. por 83.105,14 euros.
  • Obras de conservación e mellora de pavimentos en varios lugares de Rus, Artes e Oza. O obxectivo é acondicionar con cemento a parte frontal da igrexa de Rus tras a retirada dos postes polo soterramento do cableado, pavimentar con cemento a pista de acceso ao renovado centro social de Ares, e o campo da festa de Oza con cemento e con cespeado portante para a zona de estacionamento. Os traballos serán executados por Vázquez y Reino cun orzamento de 281.022,50 euros.
  • Servizo de limpeza nos colexios públicos de infantil e primaria, escolas unitarias e escolas infantís, adxudicado ao centro especial de emprego Aspaber. O contrato tamén se divide en dous lotes. O primeiro inclúe os CEIP Fogar, Bergantiños, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e Xesús San Luís Romero, cun orzamento de 237.418,44 euros ao ano, e tamén se ten en conta unha posible modificación para a inclusión do CEIP A Cristina, cun custo de 27.911,47 euros. O lote 2 abrangue as escolas de Berdillo, Artes, A Rega e Mirón (Bértoa), a sede do CRA Ponte da Pedra e a escola infantil As Landras, cun investimento de 47.848,95 euros ao ano, e prevese unha hipotética ampliación do servizo ás escolas de Sísamo, Xoane e Cances, que suporían algo máis de 20.000 euros a maiores.

Contratos de roza de vías e espazos públicos

Ademais, a Xunta de Goberno Local iniciou o expediente de contratación do servizo de roza das vías por un ano, con posibilidade de catro prórrogas anuais a maiores. O contrato divídese en dous lotes: no primeiro figuran todas as vías das parroquias incluídas no inventario municipal, o que suporá a roza de 270,5 quilómetros lineais polas dúas marxes; no segundo están incluídos os espazos urbanos e de uso público do concello, para os cales estímase que son necesarias 300 horas de traballo manual e 1.251,5 horas de traballo mecánico. Para a limpeza da rede viaria municipal establécese un orzamento anual de 71.958,41 euros (359.792,05 para os cinco anos), mentres que para os espazos públicos calcúlanse 48.002,50 euros ao ano (240.012,46 para os cinco anos).

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén deu o visto bo ao convenio de colaboración coa ADC Voleipraia Costa da Morte para o financiamento das escolas deportivas de volei-praia con 4.500 euros. Así mesmo, foron aprobadas facturas por importe de 71.840,64 euros, devolución de avais, licenzas urbanísticas e, fóra da orde do día, a transmisión dunha licenza de taxi.

Compartir: