Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero anuncia unha nova liña de...

Evencio Ferrero anuncia unha nova liña de axudas por máis de 600.000 euros destinada a autónomos e pequeno comercio

Publicadas as bases das axudas “Sempre Carballo”, das que poderán beneficiarse todos os veciños e veciñas maiores de 18 anos

Xoves 20 de agosto do 2020 Carballo ao día

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo

“Debemos impulsar o comercio de proximidade, que é o que nos dá estrutura como pobo, e intentar que a COVID-19 o debilite o menos posible”, sinalou hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, en alusión ás distintas accións que se veñen impulsando dende o Concello de Carballo para tratar de combater os efectos negativos que a crise sanitaria está tendo na economía, tanto a nivel global coma local.

A iniciativa estrela, as axudas “Sempre Carballo”, constitúen unha fórmula novidosa que, ademais da inxección indirecta de 700.000 euros na economía local, perseguen a implicación de toda a veciñanza na defensa do comercio e a empresa de proximidade. Hoxe, precisamente, publicamos as bases das axudas, ás que terán acceso todos os veciños e veciñas maiores de 18 anos e empadroados no noso concello antes do 31 de xullo. E tamén hoxe o alcalde anunciou unha nova liña de apoio destinada a autónomos e pemes, que, en colaboración coa Deputación da Coruña, achegará máis de 600.000 euros.

As terrazas de hostalaría están exentas do pago da taxa anual

As terrazas de hostalaría están exentas do pago da taxa anual

En total, máis de 1,3 millóns de euros, que se suman a outras iniciativas de axuda á empresa local promovidas nos últimos meses, como a exención da taxa pola ocupación de solo público con terrazas de hostalaría para todo o ano 2020, a campaña de dinamización das compras nas librarías locais con premios en bonos para os establecementos do sector ou a posta en marcha dun servizo de asesoramento e apoio, que segue a disposición da empresa local e dos/as traballadors/as a través da páxina web http://covid19.carballo.gal/.

Compartir: