Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local pon en marcha...

A Xunta de Goberno Local pon en marcha expedientes de contratación de obras por máis de 1 millón de euros

Entre as actuacións en marcha figuran tres das obras previstas no proxecto Cicl-Ando Carballo, co-financiado polo Programa Operativo Feder 2014-2020

Luns 17 de agosto do 2020 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local puxo en marcha na sesión ordinaria celebrada hoxe expedientes de contratación de obras por 1.186.457,85 euros. Son as seguintes:

  • Mellora da rede de abastecemento de auga para estender o subministro aos núcleos de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns), dando resposta deste xeito ás demandas trasladadas pola veciñanza a través dos consellos parroquiais. O investimento, incluído no POS+ 2020, acada os 171.006,65 euros. Na parroquia de Oza, que na súa maior parte benefíciase de obra de abastecemento ata Razo, tamén se está a traballar no proxecto para levar a auga a Vilar de Uz, co cal se completaría o servizo en todos os núcleos.

  • Mellora da capa de rodaxe na vía da Canosa (Rus) a Pereiro Vello (Entrecruces). A actuación forma parte do plan de aglomerados das vías consideradas estruturantes do territorio porque comunican parroquias ou os núcleos de poboación de maior entidade. O investimento ascende a 304.445,69 euros, que tamén figuran no POS+ 2020.

  • Reurbanización da rúa Perú. Con cargo ao POS+ 2020 tamén se acometerá o proxecto de reurbanización da rúa Perú dende a glorieta do cruce coas rúas Ponte, Poñente e Luis Calvo ata o treito que xa está urbanizado, mellorando a accesibilidade ata o cruce coa rúa Estrela, por unha marxe, e Chile, pola outra, ademais dos servizos urbanísticos. O proxecto supón un investimento de 188.266,01 euros.

  • Reurbanización da rúa Tarragona. Dentro do POS+ 2020 tamén se lle dará continuidade ao proxecto desenvolvido nas rúas Barcelona e Luis Calvo para mellorar a accesibilidade e os servizos urbanísticos nun treito da rúa Tarragona, cun investimento de 65.200,11 euros.

  • Proxecto Cicl-Ando de mobilidade ciclista e peonil. A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe os expedientes de contratación das tres primeiras actuacións do proxecto Cicl-Ando Carballo, que inclúe a construción de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas para conectar distintos ámbitos do municipio. Os contratos que se licitarán nos vindeiros días corresponden, en concreto, á senda que bordeará o polígono industrial de Bértoa a partir do treito xa construído, cun orzamento de 278.398,14 euros; a conexión dos carrís bici da avenida de Razo e da avenida de Malpica, cun custe de 96.799,38 euros, e a mellora do carril existente nas rúas Poñente, Fábrica e avenida de Malpica, á que se destinan 147.458,79 euros.

Compartir: