Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca o proxecto “Ti tes a chave” coa...

TI TAMÉN PODES SUMARTE!

Arrinca o proxecto “Ti tes a chave” coa instalación de 200 colectores para a recollida selectiva dos residuos orgánicos

A día de hoxe contamos coa participación de 480 familias e 80 grandes produtores

Luns 20 de xullo do 2020 Carballo ao día

A distribución de colectores ampliarase en función da demanda

A distribución de colectores ampliarase en función da demanda

O proxecto de recollida selectiva dos residuos orgánicos “Ti tes a chave” arrincou hoxe coa instalación de 200 colectores de cor marrón en distintos puntos da zona urbana. A día de hoxe contamos con 480 familias e 80 grandes produtores que xa teñen a chave que abre eses contedores. Os residuos xerados serán trasladados á nova planta de compostaxe de Sogama.

As persoas interesadas en participar poden achegarse a calquera dos puntos informativose asinar o documento de adhesión:

  • De luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, no local de Carballo Limpo situado nas galerías do edificio da antiga Casa de Chinto (rúa Desiderio Varela, 34).
  • Os xoves e os domingos de feira, de 10.30 a 13.30 horas, no stand da rúa Coruña.           

Cada participante recibirá un kit que consta de un caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables personalizadas, un tríptico informativo e unha chave para abrir un dos contedores que se colocarán na vía pública para depositar os bio-residuos, que supoñen máis do 40% dos RSU que depositamos nos colectores verdes. Por iso é tan importante tanto reducir a produción de residuos como incrementar a súa separación e o seu tratamento axeitados.

A distribución dos colectores irá completándose en función da demanda veciñal. O noso obxectivo é chegar ás 2.000 familias participantes, e deste xeito acadar o obxectivo fixado pola Unión Europea de reciclar o 50% dos residuos urbanos.

A iniciativa “Ti tes a chave” vén complementar o programa de compostaxe doméstica que temos en marcha dende hai seis anos na zona rural e no que participan xa 342 familias.

A fabricación de compost ten moitas vantaxes. Estas son algunhas delas:

  • Contribúe á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2.
  • Garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego.
  • Reduce os custos dos servizos municipais de recollida do lixo, xa que o canon de Sogama por tratar esta fracción na planta de compostaxe é máis barato que o da bolsa negra.

Compartir: