Inicio Carballo ao día Hemeroteca Seis restaurantes acollen en réxime de...

Seis restaurantes acollen en réxime de prácticas á segunda promoción de alumnado da Escola Municipal de Hostalaría

Catro estudantes teñen xa un contrato de traballo, polo que se lles validarán as prácticas

Venres 17 de xullo do 2020 Carballo ao día

Alumnas de cociña traballando no comedor solidario

Alumnas de cociña traballando no comedor solidario

Pementa Rosa, Raxería Río Sil, As Garzas, O Muíño, Furna Atlántica e A Cunca son os seis restaurantes da comarca nos que completarán a súa formación os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Hostalaría. O período de prácticas abrangue un total de 240 horas lectivas, distribuídas en 40 horas semanais dende o 9 de xullo ata o 19 de agosto.

Aínda que o curso contou con 15 alumnos e alumnas, non todos puideron rematalo. Tres persoas causaron baixa, outra suspendeu e quedou fóra das prácticas e outra renunciou a realizalas por problemas familiares. Ademais, hai 4 alumnos/as que as teñen validades, posto que xa están traballando como cociñeiros/as en distintos establecementos.

O segundo curso da Escola Municipal de Hostalaría estivo marcado pola crise sanitaria provocada pola COVID-19, que obrigou a suspender a actividade lectiva en marzo. Pero a formación retomouse en abril a través do comedor solidario, no que participou voluntariamente o 100% do alumnado, distribuído en grupos.

Con este proxecto conseguiuse un dobre obxectivo. Por unha banda, seguir ofrecendo aos estudantes unha formación de calidade e axustada ás necesidades do mercado de traballo, que é o principal obxectivo da Escola Municipal de Hostalaría e que os índices de contratación validan un ano máis. Por outra, elaborar e servir o xantar a familias usuarias dos servizos sociais municipais. Deste xeito, entre a última semana de abril e o 19 de xuño, o alumnado preparou 1.992 menús compostos por un primeiro e un segundo, é dicir, 3.984 pratos.

Compartir: