Carballo sitúase entre as 10 cidades europeas de menos de 100.000 habitantes con mellores prácticas ambientais
O noso concello acadou o 8º posto entre as 18 cidades seleccionadas como candidatas ao premio Folla Verde Europea
Venres 12 de xuño do 2020 Carballo ao día
![Listado de cidades seleccionadas Listado de cidades seleccionadas](media/../media/img/EUROPEAN_GREEN_LEAF_2021.png)
Listado de cidades seleccionadas
Carballo está no Top 10 das cidades europeas de 20.000 a 100.000 habitantes con mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais. Así o recoñece o 8º posto que vén de outorgarnos o equipo de 12 expertos europeos encargados de analizar e avaliar as memorias das 18 cidades de todo o continente seleccionadas como candidatas ao premio Folla Verde Europea (European Green Leaf 2021). O noso concello acadou moi boas valoracións nalgunhas das seis áreas temáticas, aínda que destaca o 4º posto na de Residuos e Economía Circular.
Na área de cambio climático e eficiencia enerxética, os expertos avaliaron moi positivamente o feito de que Carballo fose o primeiro concello galego en implantar a tecnoloxía led en todo o alumeado público, acadando un 80% de aforro en consumo enerxético; así como os proxectos Carballo presentados ao IDAE “Carballo sostible: enerxías renovables e eficiencia enerxética dos edificios públicos” e “Cicl-Ando Carballo”, que vén de conseguir o máximo financiamento europeo. A adhesión ao Pacto dos Alcaldes e a redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) mereceron unha mención especial.
En canto a mobilidade urbana sostible, as accións mellor valoradas están relacionadas co fomento da mobilidade peonil (louvan o metrominuto), a redución da velocidade urbana a 30Km/hora e as iniciativas para facilitar o aparcamento mediante a zona azul e os convenios con particulares para crear grandes bolsas no centro urbano. Así mesmo, a elaboración da Estratexia para a mellora do espazo público e a mobilidade urbana recibiu moi boa valoración.
As políticas de protección, xestión e sensibilización cidadá cara o medio ambiente promovidas polo Concello de Carballo son destacadas polos expertos na área de natureza, biodiversidade e uso sostible do territorio, no que, ademais de sinalar que estamos “bendecidos por un hábitat costeiro significativo”, poñen en valor tamén a protección de especies como a píllara das dunas.
As cidades finalistas son son Elsinore (Dinamarca), Gabrovo (Bulgaria), Lappeenranta (Finlandia), Nyborg (Dinamarca) e Ringkøbing-Skjern (Dinamarca). Parabéns a todas.
No apartado de calidade do aire e ruído, os aspectos mellor valorados son as ordenanzas de ruídos e de tráfico. E polo que respecta á auga, os expertos destacan o proxecto Anllóns-Bardoso e a extensión das redes de abastecemento e saneamento a todo o territorio, así como as campañas informativas e de concienciación social.
A área mellor valorada é a de residuos e economía circular, especialmente pola recollida selectiva nas diferentes fraccións, o plan de compostaxe doméstica e as accións de sensibilización cidadá encamiñadas a conseguir unhas rúas libres de cabichas e outros residuos. Así mesmo, os expertos poñen Carballo Limpo como exemplo de integración social, laboral e respecto medioambiental, e que ten moi boas valoracións para ser incluído no Manual de Boas Prácticas da Unión Europea.
As cidades finalistas son son Elsinore (Dinamarca), Gabrovo (Bulgaria), Lappeenranta (Finlandia), Nyborg (Dinamarca) e Ringkøbing-Skjern (Dinamarca). Parabéns a todas elas.