Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanza a limpeza e desinfección dos...

LEMBRADE DEIXAR ABERTA A TAPA DO CONTEDOR VERDE

Avanza a limpeza e desinfección dos colectores de lixo por todas as parroquias

As medidas preventivas tamén inclúen baldeos diarios en toda a zona urbana e a desinfección das illas de contedores e as papeleiras

Xoves 23 de abril do 2020 Carballo ao día

A empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, Urbaser, continúa realizando labores de limpeza e desinfección dos colectores de lixo na zona rural. Entre a semana pasada e o que levamos desta pasaron por distintos lugares das parroquias de Aldemunde, Artes, Cances, Goiáns, Sofán, Berdillo, Bértoa, Rus, Entrecruces, Oza, Ardaña e Sísamo. Os traballos continuarán nos vindeiros días.

Ademais, lembrade que para complementar as desinfeccións que están a realizarse nas illas de contedores de RSU e reforzar as medidas preventivas para evitar contaxios do COVID-19, os colectores verdes permanecerán coas tapas abertas mentres se manteña a crise sanitaria. Deste xeito evitamos o contacto e, polo tanto, un posible contaxio.

A recollida do lixo é un servizo esencial que necesita máis ca nunca da túa colaboración para realizar unha correcta xestión dos residuos, dun xeito moi especial nos fogares con persoas enfermas ou en corentena por coronavirus, que deben seguir escrupulosamente as normas recollidas aquí.

O funcionamento da recollida de lixo, con servizos mínimos, é o seguinte:

  • Na zona rural recollemos o contedor verde 1 vez á semana, agás nas estradas principais de Razo, Baldaio, Sofán e Berdillo, nas que se realiza a recollida 2 veces á semana.
  • Na zona urbana a recollida realízase 6 días á semana, de luns a sábado, polo que agradecemos que os domingos non depositedes bolsas no colector verde.
  • A recollida de envases (colector amarelo) realízase 3 días á semana na zona urbana e un na rural, coma sempre.
  • Nos colectores de papel/cartón e vidro tamén se mantén a periodicidade da recollida, e mantense ademais o servizo de retirada de cartón pregado porta a porta.
  • O punto limpo está pechado ao público e tampouco funciona o punto limpo móbil.
  • A oficina da empresa concesionaria do servizo está pechada ao público, pero mantense a atención telefónica no horario habitual de mañá no número 981 754 917 para calquera incidencia ou información.

Ademais das medidas que está aplicando Urbaser na recollida do lixo, dende a Concellaría de Obras e Servizos tamén se deron instrucións para o servizo de limpeza viaria. O persoal de Aspaber UTE está a realizar baldeos diarios con desinfectante en toda a zona urbana e tamén a diario desinfecta as papeleiras. A maiores, os martes e os xoves realiza desinfeccións na Praza do Concello, o Mercado Municipal, prazas e parques, a Praza de Vigo (residencia e centro de día), o centro de saúde e a residencia de Geriatros, complementando o traballo que está a facer unha empresa especializada contratada polo Concello de Carballo para desinfectar edificios e instalación públicos por dentro e por fóra, espazos públicos, beirarrúas e contornas dos establecementos que están abertos ao público.

Compartir: