CELEBRADAS 468 REUNIÓNS ONLINE
As ferramentas informáticas habilitadas polo Concello permiten que o persoal municipal realice o 90% do traballo dende a casa
Dende o 9 de marzo hai 71 usuarios/as activos/as a diario na ferramenta de traballo colaborativo Microsoft Teams
Sábado 11 de abril do 2020 Carballo ao día
![Evencio Ferrero, na Alcaldía, falando por videoconferencia con varios membros do goberno Evencio Ferrero, na Alcaldía, falando por videoconferencia con varios membros do goberno](media/../media/img/videoconferencia_(2)_800x460.jpg)
Evencio Ferrero, na Alcaldía, falando por videoconferencia con varios membros do goberno
Aínda que existen limitacións, as ferramentas informáticas habilitadas polo Concello de Carballo permiten que case o 90% do traballo administrativo poida realizarse dende a casa. Nestes momentos hai 71 usuarios/as activos utilizando a ferramenta de traballo colaborativo Microsoft Teams, que permite o intercambio de información e documentos, conferencias e videoconferencias en grupo, compartir pantallas e asistencia técnica en remoto por parte dos servizos informáticos municipais. Ademais, cumpre todos os requisitos de protección de datos e do esquema nacional de seguridade, o que nos permite intercambiar información de forma segura.
Entre os/as usuarios/as de Teams están os membros do goberno municipal, que manteñen xuntanzas por videoconferencia decote, a maiores das que celebra a comisión municipal de seguimento da evolución do COVID-19, da que forman parte o alcalde, Evencio Ferrero; os concelleiros e concelleiras Belén Lendoiro, Milagros Lantes, Juan Seoane e Luis Lamas, aos que se suma Maica Ures cando se realizan propostas de implantación social, como está previsto para este luns, por exemplo. Tamén son membros da comisión de seguimento o xefe da Policía Local, o responsable dos servizos de emerxencia e Protección Civil, o informático municipal e o secretario municipal.
Hai servizos que están a funcionar presencialmente con relativa normalidade e incluso con maior intensidade, como a Policía Local, a Brigada Municipal de Obras, Protección Civil, a Unidade de Condutas Adictivas ou as empresas que xestionan os servizos de recollida de lixo, o ciclo integral da auga, o alumeado público, a limpeza viaria ou o control de pragas. Pero a maioría do persoal municipal está a teletraballar, cunha actividade que se reflicte nos seguintes datos:
- 71 usuarios/as activos/as diariamente
- 8.163 mensaxes intercambiadas
- 361 reunións online de traballador/a a traballador/a
- 107 reunións de traballo colectivo por áreas, incluídas as de coordinación do goberno
- 146 horas de audioconferencias
- 112 horas de videoconferencias
- 70 horas de teleasistencia
- 18,9% de incremento do tráfico de correo electrónico
- 120,2% de aumento do almacenamento na nube
Ademais de Microsoft Teams, o persoal do Concello de Carballo dispón doutras moitas ferramentas para traballar, en boa parte xestionadas pola Deputación da Coruña. Unha delas é a sede electrónica do Concello de Carballo, á que pode accederse neste enderezo web https://sede.carballo.org para todo tipo de trámites.