Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Turismo quere...

A Concellaría de Turismo quere incluír o miradoiro de Vilela na rede estatal de miradoiros tecnolóxicos musealizados

A Xunta de Goberno Local aprobou a solicitude dunha subvención á Axencia de Turismo de Galicia para desenvolver o proxecto

Mércores 18 de decembro do 2019 Carballo ao día

A Concellaría de Turismo quere incluír o miradoiro de Vilela na rede iViewpoint, un proxecto que conta co apoio do Ministerio de Cultura e que ten como obxectivo a creación dunha rede de miradoiros tecnolóxicos musealizados, promovendo a súa promoción a través da web e das redes sociais a través de experiencias interactivas e inmersivas. Para conseguilo, na Xunta de Goberno Local desta semana foi aprobada a solicitude á Axencia de Turismo de Galicia dunha subvención para financiar o proxecto de instalación dunha mesa panorámica accesible no miradoiro de Vilela, cun orzamento de 7.199,50 euros.

A mesa panorámica facilitará o coñecemento do territorio e o aproveitamento do miradoiro de Vilela como un recurso turístico do noso concello, xa que as persoas que se acheguen ata este punto poderán interpretar, utilizando un smartphone, os recursos naturais e patrimoniais máis destacados da zona a través de textos e elementos multimedia. O sistema tamén permitirá ao visitante realizar unha navegación dende o miradoiro ata o recurso que lle interese, compartir información, ver os recursos sobre un mapa, crear rutas... E todo iso en tres idiomas _galego, castelán e inglés_ e dun xeito accesible.

Unha vez instalada a mesa, o miradoiro darase de alta na rede de miradoiros iViewpoint, que trata de aproveitar o interese crecente polos miradoiros como lugares de interese cun gran potencial turístico e, en consecuencia, fonte de riqueza para o destino.

Outros acordos

Na súa xuntanza desta semana a Xunta de Goberno Local tamén aprobou facturas por importe de 47.908,29 euros, devolución de avais, licenzas urbanísticas e varios expedientes de contratación.

Compartir: