Inicio Carballo ao día Hemeroteca Íntegro celebra en Carballo o Día...

ESGOTADOS OS CONVITES NUN SÓ DÍA

Íntegro celebra en Carballo o Día da Diversidade para destacar o labor municipal a favor da inclusión

O martes 3 terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa unha festa familiar que inclúe un espectáculo de Mamá Cabra e unha merenda saudable

Xoves 28 de novembro do 2019 Carballo ao día

Noelia Barreira, Adolfo López, Evencio Ferrero e Maica Ures

Noelia Barreira, Adolfo López, Evencio Ferrero e Maica Ures

Ademais de reivindicativo, para a Asociación Íntegro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, ou Día da Diversidade, debe ser festivo. Por iso este ano mestura os ingredientes imprescindibles en calquera celebración _a música e a comida_ para convidar ás familias a unha tarde que, en palabras da concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, debe ser “de inclusión, de festa e de diversión”.

A cita é o martes 3, coincidindo co día internacional. A partir das 18.00 horas, a Biblioteca Rego da Balsa acollerá o espectáculo de Mamá Cabra “Contos para un mundo mellor”, protagonizado por Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón, e unha merenda saudable elaborada por usuarios e usuarias de Íntegro. O mércores 27 abriuse o prazo para recoller os convites, e esgotáronse nun só día.

Hoxe tamén tivo lugar a presentación do programa nun acto no que, ademais de Maica Ures, participaron o presidente da Asociación Íntegro, Adolfo López Baña; a directora do Centro de Recursos de Íntegro, Noelia Barreira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Adolfo López: "Os nenos son un colectivo que nos permitirá cambiar a mirada no futuro, e a Biblioteca Rego da Balsa, e que é un centro neurálxico para os nenos, é o lugar axeitado para ir cambiando esa mirada"

Noelia Barreira destacou a importancia de “sensibilizar á poboación”, e sobre todo á máis nova, pero tamén de que os concellos impulsen iniciativas “para valorar a diversidade e a inclusión en todos os seus aspectos”. Nese sentido destacou “o traballo que facedes no Concello de Carballo a través da inclusión e facendo máis accesible todo o concello, e por iso nós tamén queríamos contribuír un pouquiño a sensibilizar aos nenos e nenas de Carballo e a que todos poidamos vivir en comunidade”.

O presidente de Íntegro abundou na mesma idea. “Nos 28 anos que levo á fronte da entidade, o Día Internacional das Persoas con Discapacidade foi cambiando. Nos últimos anos lévase moito falado de inclusión, e creo que Carballo é un exemplo de inclusión no sentido máis amplo da palabra. Carballo está dando un exemplo de inclusión laboral, económica, social, de accesibilidade universal”.

Para Íntegro, o 3 de decembro é unha data de reivindicación, pero nos últimos anos é máis un día para celebrar e para festexar. Eses dous aspectos mestúranse nas actividades programadas para o vindeiro martes, “porque os nenos son un colectivo que nos permitirá cambiar a mirada no futuro, e a Biblioteca Rego da Balsa, e que é un centro neurálxico para os nenos, é o lugar axeitado para ir cambiando esa mirada”.

O alcalde de Carballo engadiu que este tipo de conmemoracións deben servir tamén para a reflexión, “porque esa reflexión permitirá ir transformando o espazo no que nos movemos, pero non só o espazo físico, senón ir o de facendo unha sociedade máis sólida, máis inclusiva. Afortunadamente hai concellos que temos capacidade inversora para transformar o espazo urbano, e iso é o máis visible, o que a xente percibe, pisa, séntase e desfruta. Pero tamén hai outras decisións que, para min, dende o punto de vista humano e da xestión municipal, deben ter máis relevancia e máis dimensión”. Evencio Ferrero destacou que como alcalde séntese especialmente orgulloso de que o Concello de Carballo “permita que todas as persoas poidan demostrar as súas capacidades”.

Compartir: